lunes, 15 de junio de 2009

Xogos e xoguetes: as chapas


Era un xogo preferentemente dos nenos. As chapas procedían dos botellíns de cervexa e refrescos que se popularizaron nos 60 e que ós rapaces lles gostaba coleccionar; é, polo tanto, posterior ó xogo do guá (descrito nunha entrada anterior), co que garda algunhas similitudes.
Xogábase ó aire libre e nun sitio chan; os rapaces primeiro preparaban o terreo, eliminando as pedriñas, follas, etc. cunhas ramas e despois facían unha pequena "pista" axudándose cunha pedra plana ou cun anaco de tella ou de ladrillo. Colocaban as chapas no punto de saída e debían achegalas á meta golpeando cada un a súa cun movemento seco do dedo corazón axudándose co pulgar, sempre por rigurosa quenlla.
Era un xogo de habilidade. Se ó darlle a unha chapa se desplazaba a doutro compañeiro fóra da pista, este debía comezar de novo desde o ponto de saída. Gañaba o primeiro que achegaba á meta a súa chapa e recibía en pago unha chapa de cada un dos compañeiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario