domingo, 22 de marzo de 2009

Xogos e xoguetes...


Os papaventos

Moitos dos xoguetes facíanse na casa, algúns coa participación dos propios nenos e a axuda dun adulto, case sempre un avó ou un tío solteirón, pois os pais estaban demasiado ocupados e preocupados polas obrigas cotiás.
A construcción dos xoguetes era xa un divertimento en por si. Tal era o caso dos papaventos.

Para facer un papaventos precisábase unha cana, a poder ser das que caían dos foguetes que botaban polas festas; papel, se podían empregaban papel de seda de cor e se non, mesmo papel de periódico ou de envolver; para encolar abondaba cunha pataca cocida e o cordel sacábase dos canelos dos foguetes, que estaba untado con pez para protexe-la pólvora da humidade e deslizábase millor entre os dedos. O cordel enrollábase nun taco de madeira.


Os papaventos podían ser hexagonais ou romboidais, coa cana facíase a estructura, logo cubríase co papel, poñíanselle os tirantes e o cordel e logo engadíaselle a cola. Botábase en campo aberto para ter espazo dabondo para correr, pero moitas veces remataba caíndo nunha leira de millo, cando non enredada na póla dunha árbore.

No hay comentarios:

Publicar un comentario