sábado, 21 de marzo de 2009

Xogos e xoguetes...

A pita cega:
É un xogo no que participan nenos e nenas se son pequenos e nenas soas se son máis grandiñas, porque, segundo os nosos informantes "non era un xogo para rapaces". Faise ó aire libre.
A versión máis coñecida coincide co xogo do mesmo nome practicado exclusivamente por adultos, magnificamente plasmado por Goya ou por Weimer, entre outros.
Faise unha sorte e ó neno ou nena ó que lle toca pandar tapánselle os ollos con un pano, mentres os seus compañeiros forman un corro no que introducen ó que panda, danlle unhas cuantas voltas e ten que tratar de pillar e recoñecer a algún dos outros.
Isto non é tan doado porque os rapaces móvense e cambian de sitio ó mesmo tempo que berran "pita, pita" ou "clooc, clooc, clooc" para atraer a atención do que panda coas súas voces e despistalo.
Se cosegue pillar a algún, este será o que pande.

Informantes do Concello de Brión (A Coruña) proporcionáronos outra versión, probablemente máis antiga e que explicaría o nome do xogo:
Os rapaces cucaban un ou máis ovos, é dicir facíanlle un buratiño para vacialos e despois colocábanos no chan ou enriba dunda pedriña. O que pandaba, con un pauciño en cada man, tiña que tratar de atinar e esnaquiza-las cáscaras dos ovos, mentres os outros rapaces berraban coma na versión anterior, tratando sempre de confundilo.
Neste mesmo Concello, máis recentemente, os ovos foron sustituídos por un cacharro de barro que se ataba con un cordel e pendurábase da póla dunha árbore, tratando de atinarlle con un pau.

No hay comentarios:

Publicar un comentario