domingo, 29 de marzo de 2009

As diferencias de xénero

Na práctica dos xogos tradicionais había profundas diferencias de xénero desde a infancia. Estas diferencias referíanse tanto ós xoguetes que os nenos e nenas se procuraban eles mesmos, coma ós que lles facilitaban os adultos, coma ós espazos de xogo e ós xogos en si e estaban condicionadas por diversas circunstancias:
  • A idade, as diferencias aumentaban coa idade, de xeito que ó chegar á adolescencia existía case unha absoluta separación por xéneros;
  • O parentesco, nenos e nenas podían xogar xuntos se existía entre eles un parentesco próximo e separado se non existía consanguinidade;
  • Os materiais precisos para o xogo, pois rapaces e rapazas non dispoñían dos mesmos xoguetes;
  • O número de nenos que se xuntara, se eran poucos xogaban xuntos e se eran moitos separábanse por xénero;
  • As características de cada xogo, xa que as nenas estaban limitadas no tocantes á libertade de movementos polo xeito de vestir;
Na idade adulta e incluso na vellez tamén existían diferencias entre os xéneros, tanto nos xogos que uns e outros practicaban, coma nos espazos nos que uns e outros podían desenvolver unha actividade lúdica (exclusivamente no interior do fogar ou fóra del).
As diferencias neste caso estaban condicionadas por circunstancias tales como:
  • O status no seo familiar de cada persoa;
  • O parentesco;
  • A participación no xogo de persoas álleas ó núcleo familiar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario