miércoles, 1 de abril de 2009

Os primeiros xogos


Na primeira infancia ós nenos estimulábanos cunha serie de xogos que tiñan como principal finalidade o recoñemento por parte do neno ou nena do seu propio corpo e que se caracterizaban polo estreito contacto físico co adulto que dirixía o xogo.

Palma, repalma
O neno sentábase no colo do adulto e este co dedo índice da man dereita facía pequenos círculos sobre a palma da man do pequeno dicindo:
Palma, repalma,
chica morena,
¿como a queres,
grande ou pequena?
O cativo debía responder e fora cal fora a súa resposta recibía un golpiño na meixela por parte do adulto.

Rabo de boi...
Xogaba un adulto ou un neno ou nena máis grandes cun cativo. O adulto agochaba na man un botón, un carolo dos carballos, unha faba, un grau de millo ou calquera outra cousa de escaso tamaño que lle viñera á man.
O neno tiña que adiviñar en que puño estaba agochado o obxecto dicindo:
Rabo de boi, rabo de besta,
dixo meu pai que estaba nesta.
(Santiago de Compostela)

Ou tamén
Sexta monesta, Martín de la Cuesta,
dixo meu pai que estaba nesta.
(Concello de Vedra)

Este xogo tamén o empregaban como sorte os rapaces máis vellos.

Serra comadre...
Un xogo no que se trata de exercita-la coordinación do neno.
O adulto senta ó neno ou á nena sobre os seus xionllos, de frente cara a el e agárranse os dous polas mans movendo alternativamente os brazos imitando ós serradores e recitando co mesmo ritmo:
Serra comadre, serra compadre,
na madeiriña do señor abade.

Este xogo ten unha versión en castelá tamén coñecida polos nosos informante:
Aserrín, aserrán,
los maderos de San Juan;
pide pan y no le dan,
pide queso y le dan beso.
los de Roque, alfandoque,
los de Rique, alfeñique,
trique trique, trique tritrán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario