sábado, 11 de abril de 2009

O xogos da roda

Un grupo moi popular de xogos son os denominados xogos da roda porque en moitos casos, anque non en todos, os rapaces, nenas de diferentes idades, algunhas case mociñas e os nenos máis pequenos, cóllense das mans para formar un corro que xira ó compás dunha cantinela.
Desta modalidade de xogos consérvanse moitos, así como as súas melodías que as rapazas máis grandes cantaban mesmo sen xogar, porque non só estaban permitidos, senón propiciados polos mestres e polos cregos.
Xogábase ó aire libre, en calquera ocasión, á entrada ou saída da escola ou da catequese, no recreo e tamén nas rúas e prazas. Ás veces a roda xira ó redor dunha morea de libros, carteiras e prendas de roupa dos rapaces participantes.
No seguinte exemplo o xogo consta de varias partes:
Primeiro cóllense das mans e xiran no sentido contrario ás agullas do reloxo.
¡Que ande a roda,
que ande a roda,
que a quero,
que a quero ver andar!
Logo xiran en sentido contrario.
¡Que desande a roda,
que desande a roda,
que a quero,
que a quero desandar!
A continuación páranse.
¡Que pare a roda,
que pare a roda,
que a quero,
que a quero ver parar!
Unha nena sae da roda para introducirse no círculo formado polo resto dos nenos e van sinalando a algún compañeiro mentres canta ela soia.
A ti non te quero,
ti non me gustas;
sólo a ti, sólo a ti
hei de querer.
E continúa en castelán dirixíndose á nena escollida.
Sale a bailar, niña hermosa,
niña hermosa sale a bailar
que vales tú más pesetas
que arenas hay en la mar.
Hechicera de mi vida,
resalada de mi corazón,
los ojos con que me miras
¡que resaladitos son!
Agora todos cantan de novo en galego.
E baila Xan e baila Pedro,
e baila Xan, Marica no medio,
e se non baila é porque non sabe,
é porque lle faltan as habilidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario