lunes, 20 de julio de 2009

Xogos de cartas: o chinchón

Pode xogar calquera número de participantes cunha ou máis barallas. Cada xogador recibe sete cartas e o mazo, carro ou pote colócase enriba da mesa, ó seu carón unha carta descoberta. Por rigurosa quenlla cada xogador collerá unha carta, ben a que está descoberta, ben a primeira do mazo para tratar de formar parellas (dúas cartas do mesmo valor), tríos (tres cartas do mesmo valor), escaleiras (secuencia de cartas do mesmo pau e de valores consecutivos: cinco, seis, sete, sota...). Na mesma xogada debera desprenderse doutra carta que se coloca ó descoberto, de xeito que os xogadores saben sempre de que cartas se desprenden os demais compañeiros.
As cartas das que se foron desprendendo formarán un segundo mazo; cando o mazo de cartas que estaban boca abaixo se esgota, dáselle a volta a este segundo mazo revirando a que queda por riba. E así tódalas veces que sexa preciso ata que alguén pecha.
Para pechar é preciso ter menos de cinco puntos malos, é dicir que os valores das cartas que non formen parte dunha parella, trío ou escaleira sumen menos de cinco. O valor das cartas é o do seu número, o ás vale un e o rei vale dez. Se tódalas cartas están "colocadas" consegue -5 puntos. Se ten unha escaleira de cor, é dicir sete cartas do mesmo pau de valores consecutivos, fai chinchón e gaña.
Cando un xogador pecha debe amosar inmediatamente as súas cartas e a continuación farano os seus compañeiros, podendo estes colocar algunha das súas cartas malas para converter unha parella nun trío ou ampliar unha escaleira e ter así unha menor penalización.
Cando un xogador acumula máis de cen puntos positivos, perde e reengancha se quere cos mesmos puntos do xogador peor situado. Cando remata a partida, que pode durar horas, gaña o xogador que menos puntos teña.
Este xogo segue sendo practicado actualmente tanto por homes coma por mulleres; se hai moitos xogadores, divídense por xénero. Require memoria e estratexia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario