domingo, 19 de julio de 2009

Os submariños



Xogábase na escola, antes de que chegara o mestre ou ás agachadas. Dous participantes xa non moi pequenos, debuxaban cada un nunha folla de papel cuadriculado dous cadrados de 10x10 identificando as columnas cos números do 1 ó 10 e as filas coas letras da A á J, de xeito que cada cela quedaría identificada inequivocamente por unha letra e un número, A3, C7, G5, etc.
No cadrado da esquerda debuxaban os submariños, asegurándose de que o compañeiro non poidera percatarse da súa situación;
  • 4 submariños de 1 cela;
  • 3 submariños de 2 celas;
  • 2 submariños de 3 celas;
  • 1 submariño de 4 celas;

Por quenlla, un dos participantes dicía D8 e o outro dicía auga se non tiña ningún submariño nesa cela; pero se o tiña dicía tocado de 1, 2, 3 ou 4, segundo o número de celas do submariño, ou afundido se as demais celas dese submariño estaban tocadas; se era dunha soa cela dicía tocado de 1 , afundido. Ó mesmo tempo, marcaba cunha cruz a cela tocada. Se dicía auga non marcaba nada.

O seu compañeiro marcaba cun punto no cadrado da dereita as respostas, un punto se era auga e unha cruz se era tocado; se estaba afundido marcaba o seu contorno.

Gañaba o que conseguía afundir tódolos submariños do compañeiro antes de que este lle afundira os seus.

No hay comentarios:

Publicar un comentario