martes, 21 de julio de 2009

Outras actividades lúdicas feitas polos rapaces

Ademais dos xogos propiamente ditos, os rapaces realizaban eles mesmos ou colaboraban cos adultos nunha serie de actividades lúdicas, principalmente con motivo das festividades do ciclo anual, que na cultura tradicional lle reservaban unha función concreta a cada grupo de idade, unhas veces diferentes para cada xénero e outras con independencia do mesmo.

Con motivo das festas patronais, ademais das diversións ofertadas especialmente para a xente miúda, ás que nos referimos noutras entradas, os nenos colaboraban da decoración do campo da festa e os seus redores coa confección de bandeiriñas e faroliños.

Para face-las bandeiriñas empregaban papel de seda de diferentes cores, tesouras, patacas cocidas para o encolado e fío de ata-los chourizos.

Recortaban as bandeiriñas usando un cartón como plantilla; dado que o papel de seda é moi fino, podían cortar varias dunha vez. Unha vez recortadas, dobrábanse por un lado sobre o cordel e pegábanse facendo tiras longas e despois atábanse de árbore a árbore ou de balcón a balcón nas vilas e cidades.
Se chovía o papel perdía as cores e acababa por desfacerse; actualmente as bandeiriñas seguen póndose con ocasión das festas en moitos lugares, pero son de material plástico, mercadas e non confeccionadas polos viciños.
Non se trataba de verdadeiras bandeiras, xa que non eran símbolos de países, senón que tiñan unha función exclusivamente decorativa. Actualmente predominan as querepresentan a España, Galicia, a Unión Europea e outros países, principalmente de Latinoamérica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario