viernes, 31 de julio de 2009

Xogos e xoguetes: ¡Arriba España!

Moi popular nos anos 50 e 60 e logo desaparecido por tempo, volveu a poñerse de moda hai uns anos, tanto entre os rapaces das escolas, como nos obradoiros de estimulación cognitiva para adultos maiores baixo a denominación de STOP ou lapis quietos.

Pode participar un número calquera do xogadores. Elabora cada un unha plantilla de nove columnas e tantas filas como permitan as dimensións do papel (case sempre unha folla de bloc cuadriculada); na primeira fila e seguindo este orden escríbense as seguintes palaras: LETRA, NOME, APELIDO, CIDADE, ANIMAL, FLOR, FROITO, MARCA COMERCIAL e PUNTOS, unha palabra en cada casilla.
O que dirixe o xogo vai dicindo as letras do alfabeto á vez que sacude a man dereita; cando alguén di PARA, anótase a última letra dita, supoñamos o M, e o máis rapidamente posible todos deben escribir unha palabra que comece por M de cada unha das categorías: Marcelino, Morán, Málaga, morcego, malva, mandarina, Magefesa...
Pero cando un calquera di ¡Arriba España!, STOP, ou LAPIS QUIETOS, segundo o nome que cada grupo de xogadores lle den ó xogo, hai que deixar de escribir, ainda que non se poideran completar tódalas casillas.
O sistema de puntuación pode variar duns grupos a outros, pero fundamentalmente é o seguinte:
  • Cero puntos se non hai resposta ou é incorrecta;
  • Cinco puntos se é correcta, pero coincide coa dalgún outro compañeiro;
  • Dez puntos se é correcta e non coincide;
  • Quince puntos se nengún outro ten resposta correcta nesa cela.

Ó finalizar-lo xogo, súmanse os puntos e gaña o que teña a puntuación máis alta.

Cantigas: as coplas da Maruxiña

A música está moi presente no mundo infantil; as nais e, sobre todo, as avoas aprendíanlle ós nenos e máis ainda ás nenas as coplas que elas sabían.
Reunimos algunhas delas baixo a denominación de "Coplas da Maruxiña" e non é preciso dicir por que.

- Maruxiña, dame un bico
que ch'hei dar un pataco.
- Non quero bicos dos homes
que me cheiran ó tabaco.

Maruxa se vas á feira,
cómprame un porco rabelo,
que se mo compras con rabo
non me colle no cortello.

Maruxiña do forneiro,
se é que coces, faime un bolo;
se mo fas faimo de trigo
que eu de millo non cho como.

Maruxiña cando chove
pon o neno no tellado;
o neno de Maruxiña
cando chove está mollado.

Maruxiña, o teu paxaro
anda nas miñas cereixas;
come, paxariño, come,
veremolas que me deixas.

jueves, 30 de julio de 2009

Xogos e xoguetes


As martabelas (carracas) facíanas case sempre os avós ou herdábanse deles; eran obxectos ó que se lle tiña moito aprezo. hoxe o seu uso está restrinxido á Semana Santa.
Consta de dúas pezas de madeira, unha redondeada, a xeito de mango, e outra que xira.

Son populares expresións como:
falar coma unha martabela ou parecer unha martabela para referirse a unha persoa que fala moito e deseguido.

miércoles, 29 de julio de 2009

Xogo con pauciños ou con pallas


Precísanse pauciños ou anacos de palla de lonxitude similar, cóllense no puño e déixanse caír no chan. Un dos rapaces deberá ir separando un dos outros a partires do que está por enriba e sen que se movan os outros; en caso contrario perde.

Xogos de cartas: o subastado

É unha variante do tute.
Participan tres, catro ou máis raramente seis xogadores. Se son tres, retírase o dous de ouros da baralla e se son pares, xógase por equipos. Non están permitidas as señas.
Barállase, córtase e repártese o mazo enteiro por igual a tódolos xogadores.
Segun do as cartas que cada un ten na man fai un cálculo dos puntos que pode conseguir e aposta a setenta, oitenta, cen... Leva a subasta o que aposta máis alto que será tamén o que escolla o pau de triunfo.
Xogan por quenda comezando polo que se atopa inmediatamente á dereita do que reparteu; é obrigado asistir ó pau cunha carta máis alta se é posible e senón, por este orden, cunha máis baixa, con un triunfo ou cunha carta calquera. O valor das cartas é o mesmo que na brisca ou no tute.
Tendo na man, despois de gañar unha baza, un cabalo ou rei do mesmo pau, pódense cantar vinte ou corenta se son do pau que triunfa.
O que fai a última baza conta as dez de últimas.
Se finalmente o que levou a subasta consegue obter ou superar os puntos apostados anótaos na súa conta, pero se nono consegue anótanos cada un dos contricantes.
Trátase dun xogo que require estratexia, memoria e gran dose de sicoloxía.

"Tres marinos a la mar"

É unha variante do xogo da agachadela, pero neste caso panda máis dun neno (dous, tres, segundo o número total de xogadores) e non se conta, senón que, cando xa están agochados, berran
"Tres marinos a la mar"
e os que deben atopalos responden
"Otros tres en busca van"
e principia a búsqueda.

"Agua al pez"

Xogaban ó aire libre nun sitio chan cando había moitos nenos e nenas. Facían dúas ringleiras enfrontadas colléndose fortemente das mans do compañeiro que a cada un lle correspondía.
Un dos nenos máis pequenos facía de "pez" lanzándose sobre os brazos dos compañeiros, que subindo e baixando os brazos ó compás da melodía, facíano avanzar cantando
"Agua al pez
que se muere de sed,
agua al pez..."
Para que o xogo durara máis facían unha cadea, de xeito que os que quedaban detrás do "pez" corrían para colocarse diante e alonga-la ringleira ata que se cansaran.

Os números

Xogábase nas escola. Participaban dúas rapazas e cada unha delas sen que a outra lle vira poñía nunha ringleira varios números, 7, 8 ou máis, dependendo do tempo que quixeran xogar, comprendidos entre o 1 e o 20 ou o 30, segundo acordaran;
Por exemplo:
3 - 7 - 8 - 10 - 14 - 17 - 19

E debaixo, noutra ringleira tódolos números correlativos
1 - 2 - 3 - 4 - 5 -6 - 7 - 8 - 9 - 10 - 11 - 12 - 13 - 14 - 15 - 16 - 17 - 18 - 19 - 20

Por quenda, unha dicía un número, por exemplo o 4 e tachábao na ringleira de abaixo para non volver dicilo. Se a compañeira non puxera ese número na súa ringleira superior dicía "non" e cambiaba a quenda; se dicía "si" debía tachalo e a outra dicía outro número e así ata que perdera.
O xogo remataba cando unha nena tiña tachados tódolos números da súa ringleira superior.

O xogo da Mariquiña

Variante do Concello de A Golada.
Xogan nenos e nenas ó aire libre. Forman un corro e unha rapaza colócase no medio, sendo ela a que propón o tema do xogo, por exemplo, face-lo pan.
A roda xira ó seu redor e cantan:
Por aquí me vou, por aquí me veño,
Mariquiña, ¿que estás facendo?
A nena contesta:
- Estou moendo o trigo.
E a roda segue:
Por aquí me vou, por aquí me veño,
Mariquiña, ¿que estás facendo?
Volve a contestar:
- Estou amasando a fariña.
E así sucesivamente ata que unha rapaza do corro lle di, por exemplo:
- ¿Fixéchesme a bola que lle encarguei?
Se a que está no medio contesta que se esquenceu, a roda desfaise inmediatamente e a rapaza que pediu a bola corre para pillar á outra; se non é capaz de pillala, perde e ten que substituíla pasando ó medio da roda con outra tarefa.

Variante do Concello de Ordes:
Os nenos e nenas forman unha roda ben apretada poñen uns os brazos por enriba dos hombreiros dos outros; no medio colócanse un neno e unha nena que simbolizan o matrimonio que está na casa. Fóra queda unha nena que danza ó redor do corro e canta:
Por aquí vou, por aquí veño,
a Mariquiña na casa teño.
Logo fai unha parada e mete a cabeza pola fiestra, é dicir, por riba dos hombreiros dos compañeiros e pregunta:
- ¿Que fas, Mariquiña? (1)
E a nena do medio contesta:
- Estou prendendo o lume.
E segue:
- ¿Que fas, Mariquiña?
- Estou facendo no caldo.
- Estou facendo nas papas.
E así en tódalas fiestras:
- Estou lavando a roupa.
- Estou muxindo as vacas...

(1) No Concello de Vedra dicían:
Por aquí me voy, por aquí me vengo.
Mariquita en casa, ¿qué estás haciendo?

Este xogo tiña un carácter pedagóxico, porque a nena que estaba no medio da roda na variante do Concello de A Golada debía coñer por orde secuencial os labores propios da actividade elexida.
A variante do Concello de Ordes proporciónanos unha interesante información sobre oreparto de tarefas por xénero.

miércoles, 22 de julio de 2009

As piñatas


Xogo propio das festas, non só do Domingo de Piñata (primeiro domingo de Coresma, posterior ó Mércores de Cinza), senón tamén das Festas Patronais e que hoxe pervive na celebracións de onomásticas e cumpleanos, así como nas actividades dos campamentos infantís e ó que non é alleo o costume de guindar caramelos ós rapaces nas Cabalgatas de Reis.
Colócanse varios obxectos pendurados dunha corda que se ata a dous postes ou a dúas árbores; un dos obxectos contén caramelos, garrapiñadas, figos e uvas pasas e outras golosiñas e os demais conteñen fariña, fabas, arroz ou graos de millo; o rapaz que quere consegui-la piñata que logo compartirá cos seus compañeiros, debe romper, axudándose dun pau e cos ollos tapados cun pano, o cacharro que contén as golosiñas; se nono consegue pasaralle a quenlla a outro.
Antiguamente os cacharros eran recipientes de barro, xa un pouco escachados ou defectuosos, actualmente empréganse binchas ou incluso caixas que non só conteñen golosiñas, senón tamén pequenos xoguetes.
As Piñatas recordan a versión da Pita Cega recollida no Concello de Brión descrita nunha entrada anterior.
Segundo algúns expertos, as piñatas eran orixinarias da China e chegaron a Europa por medio de Marco Polo.

Cantigas: ¿Quién dirá que la carbonerita...?

Trátase probablemente dun xogo da roda do que só os nosos informantes recordan a melodía.
Unha nena cantaba:
-¿Quién dirá que la carbonerita,
quién dirá que la del carbón?,
¿quién dirá que no soy casada,
quién dirá que no tengo amor?
E as outras contestábanlle:
Ahora la señora viudita,
ahora ya se quiere casar
con el Conde Conde de Cabra
Conde de Cabra de este lugar.
Con el Conde Conde de Cabra,

Conde de Cabra se la ha de llevar.
E a nena cantaba outra vez:
Yo no quiero Conde de Cabra,
Conde de Cabra, triste de mí,
yo no quiero Conde Cabra,
Conde de Cabra sino a ti.

martes, 21 de julio de 2009

Xogos de cartas: os solitarios


Eran practicados sobre todo polas mulleres de máis idade do medio urbán. Hai infinidade de solitarios con maior ou menor dificultade, pero o obxectivo da meirande parte deles é ordear as cartas por paus desde o ás ata o rei. Requiren certo grao de concentración e de agudeza visual.
O que describimosa continuación é probablemente o máis popular e ofrece moitas variantes:
Vanse pasando as cartas e arriba colócanse os ases nunha rigleira a medida que van saíndo e logo os douses, tres, et., sempre do mesmo pau e en orden ascendente; debaixo faise outra ringleira cos reis, sobre os que se colocanos cabalos, sotas, etc., en orden decrecente, pero neste caso sen ter en conta o pau.
Cando se acaba de pasar toda a baralla os catro pus deben estar completos.

Os ceros

Xogábase na escola, con coidado de non ser descobertos polos mestres.
Participan dous xogadores que debuxan os ceros sobre unha folla de papel, preferentemente cuadriculado; poden debuxar tantos ceros como queiran, todo dependerá do tempo do que dispoñan.
Era practicado sobre todo polas nenas; por quenlla, cada nena unía dous ceros cunha liña, cando ó traza-la liña pechaba o cadrado, poñía nel unha letra, case sempre a inicial do seu nome e unía outros dous ceros. Cando o xogo ía avanzando era fácil pechar varios cadrados nunha mesma xogada.
Se dispoñían de lápices ou bolígrafos diferentes, cada nena empregaba unha cor para diferenciar millor os cadrados de cada unha. Gañaba a nena que tivera máis cadrados coa súa inicial.

Outras actividades lúdicas feitas polos rapaces

Ademais dos xogos propiamente ditos, os rapaces realizaban eles mesmos ou colaboraban cos adultos nunha serie de actividades lúdicas, principalmente con motivo das festividades do ciclo anual, que na cultura tradicional lle reservaban unha función concreta a cada grupo de idade, unhas veces diferentes para cada xénero e outras con independencia do mesmo.

Con motivo das festas patronais, ademais das diversións ofertadas especialmente para a xente miúda, ás que nos referimos noutras entradas, os nenos colaboraban da decoración do campo da festa e os seus redores coa confección de bandeiriñas e faroliños.

Para face-las bandeiriñas empregaban papel de seda de diferentes cores, tesouras, patacas cocidas para o encolado e fío de ata-los chourizos.

Recortaban as bandeiriñas usando un cartón como plantilla; dado que o papel de seda é moi fino, podían cortar varias dunha vez. Unha vez recortadas, dobrábanse por un lado sobre o cordel e pegábanse facendo tiras longas e despois atábanse de árbore a árbore ou de balcón a balcón nas vilas e cidades.
Se chovía o papel perdía as cores e acababa por desfacerse; actualmente as bandeiriñas seguen póndose con ocasión das festas en moitos lugares, pero son de material plástico, mercadas e non confeccionadas polos viciños.
Non se trataba de verdadeiras bandeiras, xa que non eran símbolos de países, senón que tiñan unha función exclusivamente decorativa. Actualmente predominan as querepresentan a España, Galicia, a Unión Europea e outros países, principalmente de Latinoamérica.

lunes, 20 de julio de 2009

Al levantar una lancha

As nenas, xa case mociñas, facían unha roda e unha quedaba no medio. As outras cantaban:

Al levantar una lancha
una jardinera vi
regando sus lindas flores
y al momento la seguí (bis).
- Jardinera, tú que riegas
en el jardín del amor,
de las flores que tú riegas,
dime cuál es la mejor (bis).

A que estaba no medio contestaba:

-La mejor es una rosa
que se viste de color,
del color que se le antoja
y verdes tiene las hojas (bis).
Tres hojitas tiene verdes
y las demás son encarnadas,
a ti te escojo (nome)
por ser la más resalada (bis).

A nena nomeada respondía:

-Muchas gracias, jardinera,
por el gusto que has tenido,
tantas niñas en el corro
y a mí sola me has escogido (bis).

Esta nena pasada ó centro da roda e seguían xogando.

Cantigas

Paseando una señora (bis)
por el paseo, por el paseo,
con el aire que llevaba (bis)
ha roto un farol, ha roto un farol.
Perdone, caballero, (bis)
que no he sido yo, que no he sido yo,
que ha sido mi sombrero (bis)
por atrevido, por atrevido.

Xogos de cartas: o chinchón

Pode xogar calquera número de participantes cunha ou máis barallas. Cada xogador recibe sete cartas e o mazo, carro ou pote colócase enriba da mesa, ó seu carón unha carta descoberta. Por rigurosa quenlla cada xogador collerá unha carta, ben a que está descoberta, ben a primeira do mazo para tratar de formar parellas (dúas cartas do mesmo valor), tríos (tres cartas do mesmo valor), escaleiras (secuencia de cartas do mesmo pau e de valores consecutivos: cinco, seis, sete, sota...). Na mesma xogada debera desprenderse doutra carta que se coloca ó descoberto, de xeito que os xogadores saben sempre de que cartas se desprenden os demais compañeiros.
As cartas das que se foron desprendendo formarán un segundo mazo; cando o mazo de cartas que estaban boca abaixo se esgota, dáselle a volta a este segundo mazo revirando a que queda por riba. E así tódalas veces que sexa preciso ata que alguén pecha.
Para pechar é preciso ter menos de cinco puntos malos, é dicir que os valores das cartas que non formen parte dunha parella, trío ou escaleira sumen menos de cinco. O valor das cartas é o do seu número, o ás vale un e o rei vale dez. Se tódalas cartas están "colocadas" consegue -5 puntos. Se ten unha escaleira de cor, é dicir sete cartas do mesmo pau de valores consecutivos, fai chinchón e gaña.
Cando un xogador pecha debe amosar inmediatamente as súas cartas e a continuación farano os seus compañeiros, podendo estes colocar algunha das súas cartas malas para converter unha parella nun trío ou ampliar unha escaleira e ter así unha menor penalización.
Cando un xogador acumula máis de cen puntos positivos, perde e reengancha se quere cos mesmos puntos do xogador peor situado. Cando remata a partida, que pode durar horas, gaña o xogador que menos puntos teña.
Este xogo segue sendo practicado actualmente tanto por homes coma por mulleres; se hai moitos xogadores, divídense por xénero. Require memoria e estratexia.

domingo, 19 de julio de 2009

Os submariños



Xogábase na escola, antes de que chegara o mestre ou ás agachadas. Dous participantes xa non moi pequenos, debuxaban cada un nunha folla de papel cuadriculado dous cadrados de 10x10 identificando as columnas cos números do 1 ó 10 e as filas coas letras da A á J, de xeito que cada cela quedaría identificada inequivocamente por unha letra e un número, A3, C7, G5, etc.
No cadrado da esquerda debuxaban os submariños, asegurándose de que o compañeiro non poidera percatarse da súa situación;
  • 4 submariños de 1 cela;
  • 3 submariños de 2 celas;
  • 2 submariños de 3 celas;
  • 1 submariño de 4 celas;

Por quenlla, un dos participantes dicía D8 e o outro dicía auga se non tiña ningún submariño nesa cela; pero se o tiña dicía tocado de 1, 2, 3 ou 4, segundo o número de celas do submariño, ou afundido se as demais celas dese submariño estaban tocadas; se era dunha soa cela dicía tocado de 1 , afundido. Ó mesmo tempo, marcaba cunha cruz a cela tocada. Se dicía auga non marcaba nada.

O seu compañeiro marcaba cun punto no cadrado da dereita as respostas, un punto se era auga e unha cruz se era tocado; se estaba afundido marcaba o seu contorno.

Gañaba o que conseguía afundir tódolos submariños do compañeiro antes de que este lle afundira os seus.

viernes, 17 de julio de 2009

O xogo dos disparates

Participan nenos e nenas de tódalas idades e xogan tanto ó aire libre coma na casa ou nun cuberto.
Séntanse ou acrequéñanse formando un corro; cada neno ou nena faille unha pregunta ó ouvido ó compañeiro que está a súa dereita e este contéstalle. Por exemplo:
- ¿De que cor son os calcetíns que levas?
- Brancos.
O que responde faille unha pregunta ó que está a súa dereita:
- ¿Cantos anos tes?
- Nove.
E así ata que se completa a rolda, sempre en segredo.
Cando todos teñen preguntado e obtido unha resposta a súa pregunta, agora en voz alta, van dicindo o que lle preguntou o compañeiro que estaba a súa esquerda e a resposta que lle deu o que estaba a súa dereita.
-Este preguntoume de que cor son os calcetíns que levo e este contestoume nove.
De xeito que todos remantan ríndose dos "disparates" resultantes.

Retahílas

Estando a silva no seu lugar
chegou a mora para a pillar;
a mora na silva,
a silva rachouse,
rachouse no chan.

Estando a mora no seu lugar
chegou a mosca para a pillar;
a mosca na mora,
a mora na silva,
a silva rachouse,
rachouse no chan.

Estando a mosca no seu lugar
chegou a araña para a pillar;
a araña na mosca,
a mosca na mora,
a mora na silva,
a silva rachouse,
rachouse no can.

Estando a araña no seu lugar
cchegou a pita para a pillar;
a pita na araña,
a araña na mosca,
a mosca na mora,
a mora na silva,
a silva rachouse,
rachouse no chan.

Estando a pita no seu lugar
chegou o rato para a pillar;
o rato na pita,
a pita na araña,
a araña na mosca,
a mosca na mora,
a mora na silva,
a silva rachouse,
rachouse no chan.

Estando o rato no seu lugar
chegou o gato para o pillar;
o gato no rato,
o rato na pita
a pita na araña,
a araña na mosca,
a mosca na mora,
a mora na silva,
a silva rachouse,
rachouse no chan.

Estando o gato no seu lugar
chegou o can para o pillar;
o can no gato,
o gato no rato,
o rato na pita,
a pita na araña...

Estando o can no seu lugar
chegou o lobo para o pillar;
o lobo no can,
o can no gato,
o gato no rato,
o rato na pita...

Estando o lobo no seu lugar
chegou o pau para pillar;
o pau no lobo,
o lobo no can,
o can no gato,
o gato no rato...

Estando o pau no seu lugar
chegou o lume para o pillar;
o lume no pau,
o pau no lobo,
o lobo no can,
o can no gato...

Estando o lume no seu lugar
chegou a auga para o pillar;
a auga no lume,
o lume no pau,
o pau no lobo,
o lobo no can...

Estando a auga no seu lugar
chegou o home para a pillar;
o home na auga,
a auga no lume,
o lume no pau,
o pau no lobo,
o lobo no can,
o can no gato,
o gato no rato,
o rato na pita,
a pita na araña,
a araña na mosca,
a mosca na mora,
a mora na silva,
a silva rachouse,
rachouse no chan.

Existen versións tanto en lingua galega como castelá:

Estaba la mora en su lugar,
vino la mosca y le hizo mal
la mosca a la mora
y la mora en su moralito sola.

jueves, 16 de julio de 2009

"El cocherito leré"

Era un xogo que se practicaba cando había poucas nenas, porque unha con habilidade podía saltar moito tempo sen perder.
Dan á corda e cantan:
El cocherito leré
me dijo anoche leré...
e cando din "leré" levantan as mans e fan xirar a corda por riba da cabeza da nena que salta que, pola súa banda, acunícase un pouco para que a corda non lle roce.
si yo quería leré
montar en coche leré
y yo le dije leré
con gran salero leré
yo no quiero coche leré
que me mareo leré.
E se a nena non perde seguen cambiando de ritmo:
El nombre de María
que cinco letras tiene
la eme, la a, la erre, la i, la a, Ma-rí-a.
E volven a mudar:
Yo no voy a la Marina
porque me quieren pegar,
los chiquillos caprihosos
que me quieren sentenciar.
Bartolo que te pilla el toro,
Bartolo que teva a pillar,
Bartolo se metió en un globo
y se echó a volar.

Cantigas:

Eres alta y delgada como tu madre,
morena, salada, como tu madre;
bendita sea la rama que al tronco sale,
morena, salada, que al tronco sale.

Eres como la rosa de Alejandría,
morena, salada, de Alejandría:
colorada de noche, blanca de día,
morena, salada, blanca de día.

Toda la noche estoy, niña, pensando en ti;
morena, salada, pensando en ti;
yo de amores me muero desde que te vi,
morena, salada, desde que te vi.

E mudaban o ritmo acelerando:

Desde que te vi con la pata de palo,
dije para mí malo, malo, malo, malo;
desde que te vi con la pata de madera,
dije para mí fuera, fuera, fuera, fuera.

Léxico: Andar a pinchacarneiros

Andar a pinchacarneiros ou dar pinchacarneiros ou pincharagatos é dar volteretas apoiando as mans no chan e dando un unpulo para ficar panza arriba.
Facíano os nenos do rural, ás nenas estáballe vedado por mor da roupa que usaban, porque o chan debe ser mol para non magoarse; soían aproveitar un campo con herba verde recén cortada e, a ser posible, un pouco encostado.
Persoalmente opino que o de pincharagatos pode vir da observación da gran flexibilidade corporal dos gatos ós que lles gosta moito brincar e rebrincar sobre a terra que se acaba de remover.

viernes, 3 de julio de 2009

O Rei xudeo

A noite do cinco de xaneiro, noite de Reis, facíase un bolo de pan e no seu interior metíase unha faba; partíase o bolo e ó que lle tocara a faba tiña que organizar e dirixir unha serie de xogos para divertimento de toda a familia esa noite.
Este costume é a orixe da tradición actual do roscón de Reis e das sorpresasno bolo da Pascua.
Tamén nalgunhas regueifas (bolo de pan que ofrecía a madriña do casamento á mocidade) se introducía a faba como evidencia a copla:
A regueifa está na mesa,
no medio ten unha faba,
co permiso dos señores,
voulle espeta-la navalla.

¿Casualidade?
Antiguamente, no día de Reis líase a pasaxe do Evanxeo que relata as vodas de Caná.

As retahílas

Eran unha especie de cantinelas repetitivas que tiñan como finalidade estimula-la memoria e o razoamento dos nenos. Algunhas tiñan a súa propia melodía, outras baseábanse no ritmo ou na rima.
A seguinte é unha das máis populares, da que se coñecen varias versións:
Touporroutou, ¿para onde vas, vella?
Outros din tantarantán... Establécese un diálogo entre o neno e o adulto estructurado nun orde lóxico:
- Touporroutou, ¿para onde vas, vella?
- Touporroutou, para Pontevedra.
- Touporroutou, ¿e que vas buscar?
- Touporroutou, unha carga de sal.
- Touporroutou, ¿para que é o sal?
- Touporroutou, para botarlle ás berzas.
- Touporroutou, ¿para que son as berzas?
- Touporroutou, para face-lo caldo.
- Touporroutou, ¿para que é o caldo?
- Touporroutou, para comer as vellas.
- Touporroutou, ¿para que son as vellas?
- Touporroutou, para bota-lo millo.
- Touporroutou, ¿para que é o millo?
- Touporroutou, para darlle ás pitas.
- Touporroutou, ¿para que son as pitas?
- Touporroutou, para poñe-los ovos.
- Touporroutou, ¿para que son os ovos?
- Touporroutou, para darlle ó crego.
- Touporroutou, ¿para que é o crego?
- Touporroutou, para deci-la misa.
- Touporroutou, ¿para que é a misa?
- Touporroutou, para subir ó ceo.