- O burro, simplemente, tamén chamado rinchón;
- O burro de unha, dúas...;
- O burro de catro cartas;
O burro: É un dos primeiros xogos que aprenden os nenos. Poden xogar dous, tres ou máis participantes. Retírase o cabalo de bastos e repártense tódalas cartas da baralla entre os xogadores; cada un deles debe descartarse de tódalas parellas (2-2; sota-sota...) que teña; cando todos se descartaron das súas parellas, o xogador que está sentado a dereita do que reparteu pilla sen mirala unha carta do xogador que está sentado á súa dereita e así ata que tódolos participantes se descartan por completo, todos agás nun ó que lle quedará na man un cabalo e, polo tanto, levará o burro.
Variantes deste xogo con diferentes tipos de imaxes, máis ou menos complexas segundo os destinatarios (nenos, adultos, maiores...) empréganse actualmente nos obradoiros de estimulación cognitiva.
O burro de unha, dúas...: É tamén un dos primeiros xogos con que os rapaces se familiarizan coa baralla. Poden xogar dous, tres ou máis rapaces e ás veces algún adulto. Repártese o mazo entre todos sen que poidan ver ou barallar as cartas que lles tocaron. Por quenlla van botando unha carta enriba da mesa poñéndoa ó descoberto e contando en voz alta unha, dúas, tres..., sete, sota, cabalo, rei, unha...
Se o número que di o xogador corresponde coa carta que tira, debe recoller todo o montón que está enriba da mesa, pero se o compañeiro que está a súa dereita cobre a carta debe ser el que o recolla, porque
Carta na mesa, pesa, ou
Carta na mesa, presa.
Perde o que se quede con algunha carta na man cando os demais se descartaron e leva o burro. é un xogo de atención e axilidade visual.
O burro de catro cartas: É un xogo no que participan tanto nenos como adultos, homes ou mulleres de calquera idade; abonda con que sepan xogar. Trátase, pois, dun xogo familiar no que non hai límite en canto ó número de xogadores, cantos máis, máis entretenido.
Repártense 4 cartas a cada xogador e déixase o mazo sobe a mesa. Se foran máis de dez xogadores, daríaselles unha carta a cada un ata remata-lo mazo; non importa que un xogue con catro cartas e outro con tres, por exemplo, porque este feito non condiciona o desenvolvemento do xogo.
O valor das cartas é o do número correspondente, de xeito que o ás vale menos e o rei vale máis. Comeza o xogo o que está á dereita do que reparteu botando unha carta; os compañeiros, por rigurosa quenlla seguindo o sentido contraro ás agullas do reloxo, terán que xogar unha carta do mesmo pau; se non a teñen, deben coller cartas do mazo ata atopar unha (están obrigados a botar a primeira que collan, ainda que sexa drango menor á que está na mesa);se non quedan cartas no mazo, colle tódalas cartas que hai na mesa e volve a xogar o que botara a carta máis alta.
Cando se completa unha rolda, é dicir, cando tódolos xogadores botaron unha carta do pau de saída, apártanse esas cartas que "van fóra2 e sae o que botara a carta máis alta. Así ata que, pouco a pouco, se van librando das cartas e saíndo do xogo que ten como obxectivo desprenderse das cartas canto antes, pois o que queda cunha carta na man perde e leva o burro.
Require memoria, saber que paus non ten o viciño e en que mans están os reis, sicoloxía, estratexia e, como tódolos xogos de cartas, algo de sorte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario