- As nenas porque os seus vestidos non eran tan cómodos como a roupa dos nenos e, cando ían un pouco grandiñas, eran un impedimento para participar nos xogos dos rapaces ou practicar aqueles outros que precisaban unha grande liberdade de movementos como a panda, as carreiras, subirás árbores, etc.
- Os nenos porque nos seus xogos había máis probabilidade de ensuxarse ou racha-la roupa por seren máis arriscados.
- Todos eles porque eran frecuentes as reprimendas e os castigos por mor de estropear tanto o calzado coma os traxes ó xogaren.
A verdade é que estaban expostos a moitos "perigos":
- Rachaban a roupa nunha silva ó trataren de catar un niño;
- Manchábanse co zume das moras ou da celidonia xogando ás casiñas ou ás tendas;
- Mollaban os zocos e despois encoirábanse ó choutaren na capa de xeo que cubría os regachos nas mañás de xiada para observaren os cagopes;
- Esgazaban as mangas da camisa xogando á queda porque a tea estaba xa moi gastada;
- Perdían prendas de vestir das que se desprendían para xogar e despois esquencíanse delas, etc.
Por outra banda, os nenos herdaban boa parte da roupa dos seus irmáns máis velos e mesmo dos pais. Ás veces, cando se trataba de roupa de diario, nen sequera lla adataban á súamedida, de xeito que, ó quedarlle longa ou froxa as probabilidades de rachala ó engancharse nun toxo ou nunha silva eran maiores.
Algúns nenos, sobre todo os das vilas, usaban mandilóns similares ós empregados nas escolas ou mesmo estes cando ían vellos ou estaban descoloridos. Os dos máis pequenos abrochaban por detrás para que os nenos non poideran quitalos.
Moitos mandilóns eran brancos para poder metelos en lexivia cando se manchaban.
Os nenos levaban pantalón curto ata que eran grandes. Poñer o primeiro pantalón largo os nenos e sustituír os calcetíns polas medias as nenas era todo un símbolo do paso da infancia á adolescencia.
Durante a República (1931-1936), ós nenos que acudían ás escolas públicas deránlleles "fundas", tamén chamadas "monos", de mahón azul, coma os que empregaban os obreiros, feito que algúns dos nosos informantes recordan con simpatía.
Pantalóns remontados
No hay comentarios:
Publicar un comentario