domingo, 31 de mayo de 2009

Xogos de cartas: O burro

Coñecemos tres xogos de cartas con este nome:
  • O burro, simplemente, tamén chamado rinchón;
  • O burro de unha, dúas...;
  • O burro de catro cartas;

O burro: É un dos primeiros xogos que aprenden os nenos. Poden xogar dous, tres ou máis participantes. Retírase o cabalo de bastos e repártense tódalas cartas da baralla entre os xogadores; cada un deles debe descartarse de tódalas parellas (2-2; sota-sota...) que teña; cando todos se descartaron das súas parellas, o xogador que está sentado a dereita do que reparteu pilla sen mirala unha carta do xogador que está sentado á súa dereita e así ata que tódolos participantes se descartan por completo, todos agás nun ó que lle quedará na man un cabalo e, polo tanto, levará o burro.

Variantes deste xogo con diferentes tipos de imaxes, máis ou menos complexas segundo os destinatarios (nenos, adultos, maiores...) empréganse actualmente nos obradoiros de estimulación cognitiva.

O burro de unha, dúas...: É tamén un dos primeiros xogos con que os rapaces se familiarizan coa baralla. Poden xogar dous, tres ou máis rapaces e ás veces algún adulto. Repártese o mazo entre todos sen que poidan ver ou barallar as cartas que lles tocaron. Por quenlla van botando unha carta enriba da mesa poñéndoa ó descoberto e contando en voz alta unha, dúas, tres..., sete, sota, cabalo, rei, unha...

Se o número que di o xogador corresponde coa carta que tira, debe recoller todo o montón que está enriba da mesa, pero se o compañeiro que está a súa dereita cobre a carta debe ser el que o recolla, porque

Carta na mesa, pesa, ou

Carta na mesa, presa.

Perde o que se quede con algunha carta na man cando os demais se descartaron e leva o burro. é un xogo de atención e axilidade visual.

O burro de catro cartas: É un xogo no que participan tanto nenos como adultos, homes ou mulleres de calquera idade; abonda con que sepan xogar. Trátase, pois, dun xogo familiar no que non hai límite en canto ó número de xogadores, cantos máis, máis entretenido.

Repártense 4 cartas a cada xogador e déixase o mazo sobe a mesa. Se foran máis de dez xogadores, daríaselles unha carta a cada un ata remata-lo mazo; non importa que un xogue con catro cartas e outro con tres, por exemplo, porque este feito non condiciona o desenvolvemento do xogo.

O valor das cartas é o do número correspondente, de xeito que o ás vale menos e o rei vale máis. Comeza o xogo o que está á dereita do que reparteu botando unha carta; os compañeiros, por rigurosa quenlla seguindo o sentido contraro ás agullas do reloxo, terán que xogar unha carta do mesmo pau; se non a teñen, deben coller cartas do mazo ata atopar unha (están obrigados a botar a primeira que collan, ainda que sexa drango menor á que está na mesa);se non quedan cartas no mazo, colle tódalas cartas que hai na mesa e volve a xogar o que botara a carta máis alta.

Cando se completa unha rolda, é dicir, cando tódolos xogadores botaron unha carta do pau de saída, apártanse esas cartas que "van fóra2 e sae o que botara a carta máis alta. Así ata que, pouco a pouco, se van librando das cartas e saíndo do xogo que ten como obxectivo desprenderse das cartas canto antes, pois o que queda cunha carta na man perde e leva o burro.

Require memoria, saber que paus non ten o viciño e en que mans están os reis, sicoloxía, estratexia e, como tódolos xogos de cartas, algo de sorte.

Os xogos de cartas

Ás cartas xogábase na taberna, só os homes, e na casa, onde podían xogar homes, mulleres e nenos, tanto membros da familia coma viciños que se achegaban, unhas veces xa co propósito de botar unha partida, outras por calquera motivo (tratar unha venda, pedir un favor...), mesmo algún mozo que ía ás mozas xogaba cos homes da casa.
A participación dos nenos e das mulleres nos xogos de cartas estaba sometida a unhas regras non escritas, pero aceptadas por todos:
  1. Tiñan sempre preferencia os homes; se eran dous, catro ou seis, xogaban eles sós, mentres as mulleres facían os labores e os nenos miraban. Ó remataren os labores, as mulleres miraban tamén;
  2. Se eran tres ou cinco, completaban a partida con mulleres, comezando polas máis vellas;
  3. Se era un home só entón xogaban os nenos e as nenas; para xogaren os rapaces o máis importante non era o xénero, senón a habilidade para xogar;
  4. Cando só había mulleres, coa participación dos nenos acontecía o mesmo que no caso anterior.

Os xogos que se practicaban eran diferentes en moitos casos segundo participasen na partida somentes homes, ou homes e mulleres ou nenos.

Podían xogar hoes contra mulleres, pero unha muller non xogaba co seu home coma compañeiro habitualmente. Se un mozo xogaba na casa da súa moza, esta non participab nunca na partida.

Os xogos máis comúns eran a brisca, o tute, o subastado, as sete e media, se só era homes; a brisca e a escoba ou o burro de catro cartas se participaban nenos ou mulleres.

viernes, 29 de mayo de 2009

Xogos e xoguetes


A mariola ou peletre

Un xogo propio das nenas que recibe diferentes nomes:



  • mariola


  • marrola (Vigo)


  • peletre


  • avión


  • ceo e terra



Tamén son diferentes, segundo as localidades, os trazados que se marcan no chan, cun pau se é de terra e cun anaco de tella ou unha tiza se é de pedra, para practicar este xogo.
A meirande parte das mariolas teñen sete casillas, un número símbólico para a tradición xudeocristiana que representa os días que o señor empregou na Creación; por outra banda, o seu trazado lémbranos a planta dunha basílica de cruz latina e unha soia nave ; a estas circunstancias é posible que non sea alleo un dos nomes do xogo (ceo e terra). En canto ó avión é, sen dúbida, unha denominación máis moderna derivada igualmente do seu trazado.
O peletre é unha pedra ou un anaco de tella a poder ser plano por unha cara que se lanzaba desde fóra á casilla correspondente, se quedaba sobre unha raia ou noutra casilla a nena perdía e tiña que ceder a súa quenlla a unha compañeira. No sur da provincia de Pontevedra recibe o nome de pello.

martes, 26 de mayo de 2009

Xogos e xoguetes

O "guá": xogo de bólas.
As bolas eran de varios tipos e, segundo os materiais das que estiveran feitas, tiñan un valor diferente:
  • de aceiro, das caixas de bólas, eran as máis preciadas;

  • de cristal;

  • de porcelana, dos boliches das gaseosas;

  • de barro, as que menos valían;

O valor das bólas de cada un dos materiais estaba presente tanto no troco como á hora da "pagar" cando perdían.

Se non tiñan bolas xogaban cos carolos dos carballos.

O guá facíase co pau do zoco, non moi profundo para que unha bóla ben tirada poidera quitar a outra do guá. era un xogo practicado principalmente polos rapaces, ainda que ás veces participara tamén algunha nena.


O obxectivo do xogo era tanto chegar ó guá cunha bóla propia, como impedir que chegaran antes outros compañeiros, por iso se tiraba sempre tranado tanto de facer avanzar a bóla propia coma de desviar as dos contrincantes baténdolles lateralmente. A bóla impulsábase cun golpe seco do dedo pulgar que se apoiaba no índice pechando o puño. O que conseguía meter a bóla no guá sen que outro lla sacara recibía unha ou varias bólas por parte dos compañeiros, por iso os rapaces as xuntaban coma un ben moi preciado, levándoas consigo para poder xogar en calquera ocasión nunha pequena bulsa ad hoc que gardaban no peto do pantalón.




Xogos e xoguetes

Barquiño feito cunha noz
As tardes do inverno eran longas e, ó non poder xogar fóra, nen tampouco facer moitos labores, tanto os nenos coma os maiores buscaban con que entreterse e unha das posibilidades era a realización de pequenos xoguetes cos materiais que viñan á man, como este gracioso barquiño feito coa cáscara dunha noz.
Material neceario:
un palillo (ou un pauciño delgado);
un anaquiño de papel;
unha gota de cera;
unha cáscara de noz;
Primeiro facíase a vela, pegando o papel ó redor do palillo usando unha pataca cocida.
Despois o palillo suxeitábase ó fondo da cáscara cunha gota de cera.
Poñían o barquiño a flotar nunha palangana ou nun balde, se facía bo tempo, no pilón ou nun regato. Para que se movera máis apresa, os nenos sopraban ou provocaban correntes de aire cun abano.
Se eran varios os rapaces, facían carreiras.
A diferencia dos barcos de papel, que se desfacían despois de estaren un anaco na auga, estes duraban máis tempo porque a madeira da cáscara é impermeable.

sábado, 23 de mayo de 2009

A roupa para xogar

Case tódolos informantes fan referencia á importancia da roupa e do calzado á hora de xogar.


  • As nenas porque os seus vestidos non eran tan cómodos como a roupa dos nenos e, cando ían un pouco grandiñas, eran un impedimento para participar nos xogos dos rapaces ou practicar aqueles outros que precisaban unha grande liberdade de movementos como a panda, as carreiras, subirás árbores, etc.


  • Os nenos porque nos seus xogos había máis probabilidade de ensuxarse ou racha-la roupa por seren máis arriscados.


  • Todos eles porque eran frecuentes as reprimendas e os castigos por mor de estropear tanto o calzado coma os traxes ó xogaren.

A verdade é que estaban expostos a moitos "perigos":

  • Rachaban a roupa nunha silva ó trataren de catar un niño;


  • Manchábanse co zume das moras ou da celidonia xogando ás casiñas ou ás tendas;


  • Mollaban os zocos e despois encoirábanse ó choutaren na capa de xeo que cubría os regachos nas mañás de xiada para observaren os cagopes;


  • Esgazaban as mangas da camisa xogando á queda porque a tea estaba xa moi gastada;


  • Perdían prendas de vestir das que se desprendían para xogar e despois esquencíanse delas, etc.

Por outra banda, os nenos herdaban boa parte da roupa dos seus irmáns máis velos e mesmo dos pais. Ás veces, cando se trataba de roupa de diario, nen sequera lla adataban á súamedida, de xeito que, ó quedarlle longa ou froxa as probabilidades de rachala ó engancharse nun toxo ou nunha silva eran maiores.

Algúns nenos, sobre todo os das vilas, usaban mandilóns similares ós empregados nas escolas ou mesmo estes cando ían vellos ou estaban descoloridos. Os dos máis pequenos abrochaban por detrás para que os nenos non poideran quitalos.


Moitos mandilóns eran brancos para poder metelos en lexivia cando se manchaban.

Os nenos levaban pantalón curto ata que eran grandes. Poñer o primeiro pantalón largo os nenos e sustituír os calcetíns polas medias as nenas era todo un símbolo do paso da infancia á adolescencia.



Durante a República (1931-1936), ós nenos que acudían ás escolas públicas deránlleles "fundas", tamén chamadas "monos", de mahón azul, coma os que empregaban os obreiros, feito que algúns dos nosos informantes recordan con simpatía.



Pantalóns remontados

O conto da boa pipa

Era un xogo que practicaba na casa algún adulto cun neno ou unha nena pequenos. O xogo comeaba así, case sempre en lingua castelá ou misturados o castelá e o galego:
- ¿Quieres que te cuente el cuento de la buena pipa?
- Sí.
- No me digas que sí, dime si quieres que te cuente el cuento de la buena pipa.
- Cóntamo.
- Non me digas "cóntamo", dime se queres que che conte o conto de la buena pipa.
E así ata que o neno ou a nena se cansaban, de aí o dito:
Es como el cuento de la buena pipa, que se emprega para referirse a algo que nunca se acaba.

Sortes

Sorte de contar:
Don Quijote de La Mancha,
come un huevo
y no se mancha;
come dos
y se escarrancha.
É o neno ou nena ó que lle tocaba quedaba fóra da sorte e, polo tanto, librado de pandar.

viernes, 22 de mayo de 2009

Xogos e xoguetes

O diabolo
É un xogo malabar practicado sobre todo polas nenas no ámbito urbán, no que foi moi popular entre 1920 e 1950, a xuzgar polos testimonios dos nosos informantes.
Consiste nunha peza de madeira coa forma dun doble cono que se desliza por un cordel con dúas variñas nos extremos.
O xogo consiste en lanzar ó aire o diabolo, canto máis alto, millor, co impulso do cordel e recollelo outra vez co mesmo, axudándose das variñas.
Actualmente hainos de material plático, de distintos tamaños e cores, mesmo fluorescentes para unha meirande vistosidade, que son utilizados polos artistas nas rúas e prazas.

miércoles, 13 de mayo de 2009

Xogos e xoguetes

A pelota de "gorila"
Era unha pelota de goma de cor verde, dun tamaño similar ó dunha pelota de tenis que regalaban ó mercar un para de zapatos de goma da marca "Gorila". As nenas das vilas, principalmente, practicaban varios xogos con esta pelota porque esta marca comercialixaba os zapatos para os uniformes escolares.

As nenas buscaban unha parede ou un muro alto e colocábanse en fila unhas detrás das outras. a que encabezaba a fila lanzaba a pelota contra a parede, deixábaa botar diante dela e saltaba de xeito que a pelota pasara entre os seus pés; inmediatamente saía da ringleira e a nena que estaba detrás dela collía a pelota e facía o mesmo.
Era un xogo áxil e divertido sempre que a pelota non tocara na roupa da nena que saltaba porque entón desviábase da súa traxectoria e xa non era posible mante-lo ritmo de xogo.
Había que calcula-la forza ó tira-la pelota contra a parede para que botara xusto diante da nena que tiña que saltar.

Tamén xogaban a quen tiraba a pelota mías alto lanzándoa contra unha parede e guiándose polas manchas de humidade, as fiestras ou os balcóns, pois moitas veces xogaban contra as paredes das casas, ou observando as herbas que medraban entre as pedras, de xeito que tamén exercitaban a axilidade visual.

martes, 12 de mayo de 2009

Xogos que non eran xogos

Roubar a froita
Nas aldeas, agás que estiveran enfermos ou chovera moito, os rapaces pasaban a maior parte do tempo ó aire libre:
- xogando na eira, no souto ou mesmo nas corredoiras;
- acompañando ós maiores da cas cando ían traballar as terras, xa fora colaborando nalgún labor, coidando os máis grandes dos máis pequenos ou, simplemente, observando e agardando que chegaran outros rapaces para comezar algún xogo;
- facendo algúns mandados acordes coas súa idade e relativos ó coidado dos animais, ó acarreo de auga, leña e outros productos ou ós encargos da taberna (tabaco para o pai ou o avó, o azafrán ou o pemento que precisaban a nai ou a avoa para rematar de prepara-la comida);
- tamén ían ó monte cos avós que levaban o gando ou a coller piñas para encede-lo lume;
- as nenas acompañaban ás nais a lavar a roupa ó lavadeiro ou ó río; os nenos ós ais ou ós avós a moer ó muíño;

Así os rapaces coñecían meticulosamentre camiños, corredoiras e atallos e aproveitaban que ninguén repararía neles ata a hora de xantar para cata-los niños, pillar grilos, bacalouras, xoaniñas, cagopes, e tamén para... ¡rouba-la froita!, feito que tódolos nosos informantes recordan cun sorriso entre a nostalxia e a picardía.

A pesares desta liberdade, os perigos máis importantes para os nenos estaban no fogar, sendo as queimaduras con diferencia os accidentes máis graves que sofrían.

A meirande parte das casas aldeás tiñan frutais na úa eira: maceiras, pereiras, cerdeiras, pexegueiros, figueiras, claudieiras, ata laranxeiras nalgunhas zoas, pero xa o di o refrán: "a froita roubada é a que millor sabe", e os nenos preferían ir á froita dos veciños polo que ilo implicaba de aventura e de risco, subir ás árbores competindo entre eles en axilidade, tratando de saber quen era o máis atrevido á hora de engadar ó propietario...

domingo, 10 de mayo de 2009

Os xogos da roda

El patio de mi casa...
Facían unha roda e ían xirando en sentido contrario ás agullas do reloxo mentres cantaban:
El patio de mi casa
es muy particular
y cuando llueve
se moja como los demás.
¡Agáchate (acunicábanse)
y vuélvete a agachar (volvían a acunicarse)
que los agachaditos
son malos de encontrar!
Chocolate, molinillo,
corre, crre que te pillo,
a estirar, a estirar,
que la coja va a pasar.
Os rapaces abrían a roda estirando os brazos todo canto podían e ficaban parados.
Unha nena saía do círculo e saltaba á perna coxa por dentro da roda cantando:
Desde pequeñita me quedé, pum (apoiaba os dous pés e seguía),
algo resentida de este pié, pum (apoiaba os dous pés)
y sé disimular que soy una cojita
y si lo soy lo disimularé,
corre, corre, que te doy un puntapié
con la punta de este pié, pum.

Os xogos de pelota



"A pés quietos"
Xogaban misturados nenos e nenas ó aire libre; precísase unha pelota, a poder ser, que bote.
Os participantes colócanse nunha roda bastante aberta. O que ten a pelota (que soía ser o dono da mesma, era unha ventaxa que se lle concedía por aporta-lo xoguete) lánzalla a calquera compañeiro; cando os outros se decatan de a quen vai dirixida, corren en calquera dirección tratando de alonxarse o máis posible do que a vai recoller; cando este a ten na man berra "a pés quietos" e todos deben ficar inmóbeles, él tamén.
Entón debe debe lanzarlle a pelota a outro compañeiro, tratando de brilalo, é dicir, golpeándoo coa pelota, tirando de xeito que non a poida coller coas mans.
Se consegue o seu obxectivo, o brilado debe abandoar o xogo e así sucesivamente.
Se non son moitos os participantes poden decidir que ninguén sairá do xogo ata ser brilado dúas ou tres veces; tamén poden ir repescando paulatinamente ós que saíron porque o xogo é máis divertido cando son moitos os participantes.

As reglas de xogo
As reglas deste xogo e dalgúns outros varían en función do número de xogadores, do tempo do que dispoñen os rapaces para xogar e tamén da competitividade que exista entre algúns deles, xa que, ás veces, os máis habiles nun determiñado xogo optan por eliminar rapidamente ós menos expertos para converti-lo xogo nun reto persoal.
En todo caso, os rapaces soen porse dacordo coas reglas que van rexi-lo xogo dicindo en voz alta antes de comezar as normas que an prevalecer.
Por exemplo, neste xogo poden establecer que non se pode tirar ós pés, de xeito que ninguén poderá ser brilado por debaixo dos xionllos, ou que non se poderá brilar ó que estea a menos de dous metros de distancia.
Pero se observamos atentamente o comportamento dos rapeces no tocantes á variación das reglas á hora de xogar, veremos que:


  1. Existe unha dose importante de pragmatismo nos xogadores, pois se se perde moito tempo consensuando as normas non quedará case tempo para xogar e se as reglas non son claras haberá que interrumpi-lo xogo continuamente, perdendo parte da súa diversión;


  2. Os máis expertos se están en minoría ceden ante as propostas dos demais, pois de non ser así, o grupo máis numeroso optará por deixalos soios e facer outro xogo que, cicais, resulta máis divertido.

Tamén observaremos relacións de poder:


  1. Cando un xogo precisa dalgún material, neste caso a pelota, o rapaz ou o grupo que o posean estarán en condicións de impoñer as normas ós outros;


  2. Tamén o dominio do territorio é un factor a ter en conta, os recén chegados ou os "intrusos" deben someterse ás reglas que establezan os que habitualmente xoguen nun determiñado espazo.

En xeral, nos grupos de rapaces podemos atopar complexas relacións grupais e conflictos de liderazgo somellantes ós que se presentan nos grupos de adultos, pero, ás veces, as fórmulas empregadas para a resolución destes conflictos poden servirnos de lección ós maiores.

sábado, 9 de mayo de 2009

Xogos e xoguetes


"¿Nesta casa hai fume?"
Era un xogo de nenos e nenas que se practica nun souto. Escóllense as árbores que serán "as casas", percurando que a distancia entre elas sexa similar; o número de árbores-casas será un menos que o número de participantes no xogo.
Ó comezo os nenos colócanse no centro do espazo determiñado polas árbores, de espaldas uns ós outros. Á de tres, todos saen correndo para situarse a carón dunha árbore, mais sempre haberá un que non teña "casa".
Este diríxese a un compañeiro preguntándolle:
- ¿Nesta casa hai fume?
E o outro contéstalle:
- Non, vai a aquela que ten bo lume, sinalando unha árbore calquera.
Mentres os outros rapaces aproveitan para intercambia-las súas posicións, tratando o que non ten "casa" de chegar a algunha das árbores antes que os compañeiros e así será outro o que pase a preguntar ¿Nesta casa hai fume?
Nas vilas xogábase nas prazas e nos patios, sendo coñecido como "as catro esquinas".
(Informantes: M.R.G., concello de Ordes; E.V.B., concello de A Golada; M.C., concello de Santiago de Compostela; C.M.L., concello de Vedra).

Os xogos de aprender

Nos primeiros xogos, é dicir, naqueles adicados ós máis pequenos, que se practicaban sempre en presencia dun adulto, estaba moi presente a función de aprendizaxe. Xa vimos en entradas anteriores algúns que servían para coñecer e recoñecer o propio corpo, para aprender a contar, etc.
Para saber cantos días ten cada un dos meses do ano empregaban dúas fórmulas:
  • A retahíla:

Treinta días trae noviembre,

con abril, junio y septiembre;

los demás traen treinta y uno,

excepto frebrero mocho,

que sólo trae veintiocho.

  • Un pequeno xogo: o neno ou nena pechaba o puño esquerdo se era diestro e o direito se era manecho e coa outra man ía contando xaneiro, febreiro, marzo, etc. Se o nome do mes coincidía sobre un nocello, o mes tiña 31 días; se coincidía entre dous nocellos tiña 30, agás febreiro.

martes, 5 de mayo de 2009

As xoaniñas

Ademais dos grilos, vacalouras e cagopes, ós rapaces e, neste caso, máis ás rapazas gostáballes xogar coas xoaniñas ou maruxiñas.
Poñíanas no dorso da man e dicíanlles:
Maruxiña, voa, voa
que chei dar pan de broa.


Ou tamén:
Cucorei, cucorei,
¿cantos anos vivirei?
¿Vintecinco?,
nono sei.
Un, dous, tres, catro...
e seguían contando ata que voaba a maruxiña.
Esta última cantiga tamén se empregaba no xogo da corda para ver canto tempo aguantaba a nena sen perder.

Os lugares de xogo

Os xogos desenvolvíanse nas eiras, nas carballeiras, nos soutos, ó pé dos camiños, no campo da festa ou en calquera outro sitio, o máis importante era que houbera rapaces para xogar. No ámbito urbán ocupaban as rúas, prazas e patios.
Pero na tradición galega atopamos moitos de exemplos de xogos que se desenvolvían no interior debido á climatoloxía, tanto á hora do descanso (siesta), como á noite.
Os xogos de interior, no rural facíanse nos pallotes e nas cociñas; nas vilas tamén se xogaba nos portais das casas de viciños, que antes estaban sempre abertos.
Os rapaces xogaban a calquera hora, cando ían para a escola, no recreo, á saída das clases, despois da merenda, no verán case ata a noitiña..., agás ás horas do xantar e da cea que eran momentos de obrigada reunión familiar.
Pero este feito non impedía que os nenos e nenas tiveran certas obrigas e responsabilidades coma, ademais das escolares, coidar dos irmáns máis pequechos, facer mandados, carrexa-la auga, andar co gando, etc.

Os xogos de "a pillar"


O pañuelo
Unha das modalidades do pañuelo é un xogo de "a pillar" no que os nenos e nenas se sentan no chan ou, máis frecuentemente, póñense de xionllos descansando sobre os carcañais, mentres ó que lle tocou en sorte corre en sentido contrario ás agullas do reloxo por fóra da roda levando o pañuelo, que non tiña que ser tal, senón unha pucha, un chaleque ou calquera outra prenda que tiveran á man ou da que poideran desprenderse momentaneamente.
Os rapaces cantan:
El pañuelo de guante blanco,
el que lo tenga que se levante.
O que corre deixa caír o pano en calquera momento discretamente detrás dun neno ou nena dos que están acunicados e segue correndo; cando o outro se decata sae correndo coa intención de pillar ó outro.
Se o consegue, o que iniciou o xogo perde e debe comezar outra vez, pero se chega ó sitio que ocupaba o seu perseguidor antes de que o pillen, séntase e panda o outro.

lunes, 4 de mayo de 2009

Os xogos da roda


Non tódolos xogos de roda se desenvolven en roda, coma por exemplo o seguinte no que as nenas se colocan en dúas ringleiras enfrontadas, todas menos unha á que lle tocou en sorte iniciar o xogo, e cantan:
La señora A (nome)
entrando en el baile
que lo baile,
que lo baile ya
y si no lo baila
cuartillo pagará.

E a nena vai bailando polo medio das rigleiras, cando remata esta parte da cantiga colócase diante doutra nena e seguen:
¡Salga usted,
que la quiero ver bailar,
saltar y brincar,
dar vueltas al aire!
Por lo bien que lo hace la mona,
déjala sola, sola en el baile!
A nena que comezara o xogo pasa a ocupar o lugar da outra nena e o xogo e volven a cantar:
La señora C (nome)
entrando en el baile...

domingo, 3 de mayo de 2009

Xogos e xoguetes

"Pasa mixín, pasa mixán"
Un xogo que se practicaba ó aire libre e no que participaban os nenos máis pequenos e as nenas de calquera idade. Non precisa de ningún tipo de material.
Dúas nenas das máis altas poñíanse unha frente á outra collidas das mans cos brazos extendidos. Os demais formaban unha ringleira un detrás do outro colocando as mans na cintura do qu lles precedera, mentres cantaban:
Pasa mixín, pasa mixán,
por las puertas de Alcalá,
los de alante corren mucho,
los de atrás se quedarán.
Entón as nenas baixaban os brazos e "atrapaban" a un dos participantes, preguntándolle ó ouvido ¿Chiculate ou plátano?
Se o neno ou a nena dicía "chiculate", pasaba a colocarse detrás dunha delas e se dicía "plátano" detrás da outra; para ilo xa se puñeran previamente de acordo, pero sen que os demáis souberan que resposta os levaría a un ou outro bando.
Seguen así ata que tódolos nenos están divididos en dous grupos que, tendo en conta o cálculo de probabilidades, soían ser bastante equilibrados.
Entón fan un risco no chan co pau do zoco ou con un garabullo e as dúas nenas cóllense polas mans unha frente a outra quedando cada unha dun lado do risco; detrás delas os compoñentes de cada equipo agarrándose pola cintura con toda a forza que poidan e tiran cada grupo para un lado. O grupo que sexa capaz de forzar ó outro a pisar a marca gaña.

Os xogos de cartas



Xogos con cartas:
Os primeiros xogos que os nenos realizan coas cartas da baralla son xogos malabares, ou sexa, de habilidade.
Collían unha baralla vella, á que lle faltaba cartas ou algunhas estaban marcadas, dobradas, etc., e xa non servían para xogar; non debemos esquecer que a baralla era un ben moi preciado coma calquera cousa que os paisanos tiveran que mercar, en contraposición con aqueles outros obxectos que eles mesmos podían fabricar.
Coas cartas que tiveran facían dous montóns co mesmo número de cartas en cada un e colocábanos un apoiado no outro facendo unha /\
Coa axuda doutra carta ían tratando de separar unha carta de cada lado sen que caírao montón.
Tamén facían "castelos" maís ou menos altos e complicados, creando estructuras de fráxil equilibrio que recordan ós monumentos megalíticos tan abondantes no noso país.
Estes xogos eran propiciados polos máis vellos da casa.