lunes, 29 de junio de 2009

Os primeiros xogos

Daba la mocita
en su cabecita,
daba, daba, daba
y no se lastimaba,
pero un día dio
y se lastimó.

Á vez que o adulto cantaba sostiña ó neno ou á nena sobre os seus xionllos, colléndoo pola man ou pasándolle o brazo dereito por detrás, á altura da cintura. Mentres coa man esquerda golpea soavemente na cachola invitando ó neno a facelo mesmo coa súa man dereita, coma se dun reflexo no espello se tratara.
É un xogo de coordinación e de contacto do neno co seu propio corpo.

Xogos e xoguetes

Chiflo feito cunha cana ou cun pau de sabugueiro.

O aforcado

Era un xogo que se practicaba na escola ou na casa cando facía mal tempo e para o que se precisa lapis e papel. Participan habitualmente dous xogadores, aínda que poderían ser máis. Trátase de adiviñar unha palabra sabendo por que letra comeza, por que letra remata e cantas letras ten. Ás veces tamén se dá unha pista sobre o seu siñificado dicindo, por exemplo, é un oficio, unha prenda de vestir, etc.
No papel póñense as letras inicial e final e unha raia por cada letra intermedia:
C _ _ _ _ _ _ _ _ O

Existen dúas modalidades:
  1. Fanse dúas liñas idénticas, na superior vanse poñendo as letras que diga o xogador e que correspondan coas da palabra buscada no sitio e que lle corresponde; se as letras non son as correstas colócanse na liña inferior; se se completa a liña de abaixo antes de acertar coa palabra, o neno ou a nena perde e terá que probar con outra palabra; as oportunidades están en función do número de letras da palabra buscada.

  2. Igual que o anterior, pero só se fai unha liña e cando a letra non é a correcta vaise debuxando o aforcado (de aí o nome do xogo); as oportunidades dependen do número de trazos que teña o boneco;

Trátase dun xogo que se mantén co paso do tempo.

Expresións relacionadas cos xogos de cartas


A primeira é dos rapaces: Dise no xogo da brisca ou do tute quitándolle importancia o feito de gañar a primeira baza. Ten un carácter despectivo e tamén de autoafirmación.

A sorte do principiante: Dise cando unha persoa participa por primeira vez nun xogo e gaña.

Arado: O ás de espadas.

Arrastrar: Xogar de saída unha carta do pau de triunfo naqueles xogos nos que é obligado subirlle.

Arregala-los ollos: Levantar as cellas, facer a seña do ás no xogo da brisca.

As dez de últimas: Sumar dez puntos o que fixo a última baza no tute ou no subastado.

Ás dez de últimas: A última hora, con retraso. Esta expresión pasou dos xogos de cartas á linguaxe coloquial.

As feitas son as que valen: Dise cando ó comezo dunha partida se xoga o ás de triunfo sen esperar á posibilidade de matar o tres para asegurarse unha boa cantidade de tantos.

Asistir ó pau: Botar unha carta do mesmo pau de saída.

Baralla: Conxunto de cartas para xogar.

Barallar: Misturar as cartas da baralla;

Bastón: Ás de bastos.

Baza: Cartas que se gañan nunha ronda.

Bola: O ás de ouros.

Brisca: Xogo; os ases e os treses dos paus que non son do triunfo.

Burro: Cabalo, principalmente o cabalo de bastos; denominación de varios xogos de cartas.

Canta-las corenta: Conseguir 40 puntos por ter o rei e o cabalo do pau de triunfo nalgúns xogos, sempre que se gañe unha baza.

Cantarlle as corenta a alguén: Reprendelo. Expresión dos xogos de cartas que pasou á linguaxe coloquial.

Carro: Mazo, pote; conxunto de cartas que se poñe na mesa despois de repartir nos xogos do burro, a brisca, o tute, etc.

Carta na mesa, pesa: Indica que a carta xogada non pode retirarse.

Carta na mesa, presa: Non se pode volver a atrás a xogada.

Chamarlle burro ó cabalo: Procede dunha das modalidades do burro na que se retira para xogar o cabalo de bastos. Pasou á linguaxe coloquial co sentido de "estamos dacordo coa mesma idea aínda que non empreguemo-las mesmas palabras".

Cinquillo: Xogo de cartas;

Copón: Ás de copas.

Comodín: Nalgúns xogos, carta que pode ter o valor doutra carta calquera;

Cortar: Partir, separa-las cartas da baralla en dous montóns e volver a xuntalas cambiando o orde. Faino sempre a persoa que está á esquerda do que reparte.

Da man de: Refírese a quen iniciou a xogada.

Dar: Repartir as cartas correspondentes a cada xogador.

De man: Dise das cartas que se reciben ó repartir.

Doerlle a un a cabeza: No xogo da brisca, ter un ás ou un tres que non sexan de triunfo.

En la mesa y en el juego se conoce al caballero: Dise cando algún ten mal perder.

Encartarse: Subir a unha carta con outra do mesmo pau.

Escaleira: Serie de cartas de valor correlativo no xogo do chinchón.

Escaleira de cor: Serie de cartas de valor correlativo e do mesmo pau no xogo do chinchón. O que consegue unha escaleira de cor fai un chinchón e gaña.

Escoba: Xogo de cartas; baza na que se recollen tódalas cartas que están na mesa no xogo do mesmo nome;

Estar a cegas: Ter malas cartas.

Estorbar: no xogo da brisca botar un triunfo de pouco valor cando xa hai algunha carta na mesa ou cando vai encartada para que non salven unha brisca.

Estorbo: Triunfo pequeno.

Face-las dos zapateiros: Non gañar un só xogo na mesma partida.

Fallar: No tute ou no subastado, nos que é obrigado asistir ó pau, ter que triunfar.

Fea: Unha carta sen valor.

Figuras: As sotas, cabalos e reis de cada pau.

Ir a Allariz: Non gañar un só xogo na mesma partida.

Ir a Noia: O mesmo que ir a Allaríz, ir ó Ceboleiro ou face-las dos zapateiros.

Ir ó Ceboleiro: O mesmo que ir a Noia. O Ceboleiro é un restaurante moi popular desta vila.

Leva-lo burro: Perder nos xogos do burro.

Mata-lo tres: Xogar o ás de triunfo na mesma baza na que se xoga o tres.

Mazo: Carro, pote;

Montarse: Botar unha carta do mesmo pau da que está na mesa e de maior rango.

O que non xoga, non perde nen gaña: Dise ás vecesa para declinar unha invitación a participar nunha partida; outras para xustificar a aceptación;

Palla: No tute, subastado ou brisca, cartas sen valor algún;

Parella: No xogo do chinchon, dúas cartas do mesmo valor;

Pau: Cada un dos catro grupos de dez cartas que compoñen a baralla española;

Pintan bastos: As circunstancias non se presentan favorables;

Pintar: Triunfar;

Poñerse: Botar unha carta do mesmo pau de saída, pero de máis valor.

Pote: Carro, mazo; conxunto de cartas que quedan na mesa despois de repartir nos xogos do burro, a brisca, etc.

Rinchón: Xogo, modalidade do burro.

Saír: Ser o primeiro en xogar;

Señoritas: As sotas.

Sete-velo: o sete de outros no xogo da escoba;

Subastado: Xogo, variante do tute.

Tantos: Puntos.

Trío: No chinchón, tres cartas do mesmo valor.

Triunfo: Carta do pau que manda nos xogos da brisca, tute, etc.

Tute: Xogo de cartas.

Xogar é aposibilidade de gañar con moita probalidade de chegar a perder. Frase que se lle atribue a Carolina Otero, que era unha xogadora empedernida.

Velo: O sete de ouros no xogo da escoba;

Vinte (en copas): Conseguir vinte puntos por ter o cabalo e mailo rei dun mesmo pau. Se é do triunfo cántanse corenta.

Arríncate nabo

Era un xogo que practicaban nenos e nenas xa grandes, pero separados por xéneros. Require destreza física, forza e resistencia, por iso quedaban excluídos os nenos de menor idade.
Un rapaz ou unha rapaza panda, case sempre o máis robusto, sentándose nun muro ou nunha pedra contra unha parede, é a madre; os demais divídense en dous equipos parellos que se forman utilizando algunga sorte, principalmente a sorte dos pés, que permite ós cabezas de equipo, ó escoller por alternancia, facelo ponderadamente. Un dos equipos, por convenio ou por sorteo, panda e o outro salta.
Os que pandan colócanse en ringleira de xeito que o primeiro coloca a súa cabeza no colo da madre e agárrase con forza cos brazos ás súas pernas; o que lle segue fai o mesmo apoiando a cabeza contra as nádegas do compañeiro e abrazándo con forza os seus muslos, e así todo o equipo, formando unha especie de oruga.
Os que saltan deben coller pulo e, apoiando as mans no lombo do último que panda, ficar sentados a carranchapernas dalgún dos que pandan, canto máis cerca da madre millor para deixar sitio para os compañeiros, xa que deben colocarse todos enriba para tratar de que, por mor do peso, algún dos que pandan se solte dos compañeiros e entón o seu equipo perda.

A cucaña ou pau ensebado


É un xogo ou cicais deberiamos dicir unha competición propia das festas patronais nalgunhas localidades galegas, aínda que a súa orixe sexa foránea (segundo algúns autores, procede de Nápoles).
Consiste nun poste de madeira espetado no medio do campo da festa do que pendura algún tipo de recompensa: golosinas, embutidos (chourizos, lacón, xamón...), animais (capón, coello...) ou, incluso, cartos, situada a uns 6 metros de altura ou máis. Participan os rapaces, mociños xa, máis áxiles, pois deben aparruñar sen máis axuda que a forza das súas mans e das súas pernas polo poste ata acadar a recompensa.
O poste é unha árbore o máis lisa e dereita posible que se unta con sebo (de aí o nome de pau ensebado), facendo así máis difícil o ascenso. De feito, o que conseguía a recompensa despois de moito esforzo remataba cos muslos seriamente lacerados.

viernes, 26 de junio de 2009

As sortes nos xogos de cartas

Nalgúns xogos de cartas, sobre todo na brisca, no subastado ou no tute, tamén se empregan sortes para determiñar quen será o primeiro en barallar e reparti-las cartas. Un calquera dalle unha carta a cada un incluído el mesmo, que se coloca ó descoberto. O que teña a carta máis alta baralla e dá.
En caso de empate entre dous ou máis xogadores, dáselles somentes a estes unha segunda carta e, se fora preciso, unha terceira ata desempatar.
En ocasións tamén se fai unha sorte para constituír os equipos que competirán entre sí. A sorte máis empregada consistía en darlle unha carta a cada un observando a que pau corresponde para aplica-lo criterio ouros con copas e espadas con bastos.
Esta sorte emprégase cando as persoas xogan unhas coas outras por primeira vez e presumen que todos teñen unha habilidade similar, pois en caso contrario, os equipos fórmanse por consenso para garanti-la competitividade.