Mostrando entradas con la etiqueta os xogos de cartas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta os xogos de cartas. Mostrar todas las entradas

martes, 8 de septiembre de 2009

Xogos de cartas: o tute

O máis frecuente é que participen catro xogadores, por parellas. Xogaban principalmente os homes, tanto na casa coma na taberna.
Repártense 8 cartas a cada xogador.
Pódense cantar 20 tendo o cabalo e o rei do mesmo pau ou 40 se son do triunfo .
O que fai a última baza apúntase as dez de últimas.
Gaña o equipo que máis puntos consiga.

miércoles, 29 de julio de 2009

Xogos de cartas: o subastado

É unha variante do tute.
Participan tres, catro ou máis raramente seis xogadores. Se son tres, retírase o dous de ouros da baralla e se son pares, xógase por equipos. Non están permitidas as señas.
Barállase, córtase e repártese o mazo enteiro por igual a tódolos xogadores.
Segun do as cartas que cada un ten na man fai un cálculo dos puntos que pode conseguir e aposta a setenta, oitenta, cen... Leva a subasta o que aposta máis alto que será tamén o que escolla o pau de triunfo.
Xogan por quenda comezando polo que se atopa inmediatamente á dereita do que reparteu; é obrigado asistir ó pau cunha carta máis alta se é posible e senón, por este orden, cunha máis baixa, con un triunfo ou cunha carta calquera. O valor das cartas é o mesmo que na brisca ou no tute.
Tendo na man, despois de gañar unha baza, un cabalo ou rei do mesmo pau, pódense cantar vinte ou corenta se son do pau que triunfa.
O que fai a última baza conta as dez de últimas.
Se finalmente o que levou a subasta consegue obter ou superar os puntos apostados anótaos na súa conta, pero se nono consegue anótanos cada un dos contricantes.
Trátase dun xogo que require estratexia, memoria e gran dose de sicoloxía.

martes, 21 de julio de 2009

Xogos de cartas: os solitarios


Eran practicados sobre todo polas mulleres de máis idade do medio urbán. Hai infinidade de solitarios con maior ou menor dificultade, pero o obxectivo da meirande parte deles é ordear as cartas por paus desde o ás ata o rei. Requiren certo grao de concentración e de agudeza visual.
O que describimosa continuación é probablemente o máis popular e ofrece moitas variantes:
Vanse pasando as cartas e arriba colócanse os ases nunha rigleira a medida que van saíndo e logo os douses, tres, et., sempre do mesmo pau e en orden ascendente; debaixo faise outra ringleira cos reis, sobre os que se colocanos cabalos, sotas, etc., en orden decrecente, pero neste caso sen ter en conta o pau.
Cando se acaba de pasar toda a baralla os catro pus deben estar completos.

lunes, 20 de julio de 2009

Xogos de cartas: o chinchón

Pode xogar calquera número de participantes cunha ou máis barallas. Cada xogador recibe sete cartas e o mazo, carro ou pote colócase enriba da mesa, ó seu carón unha carta descoberta. Por rigurosa quenlla cada xogador collerá unha carta, ben a que está descoberta, ben a primeira do mazo para tratar de formar parellas (dúas cartas do mesmo valor), tríos (tres cartas do mesmo valor), escaleiras (secuencia de cartas do mesmo pau e de valores consecutivos: cinco, seis, sete, sota...). Na mesma xogada debera desprenderse doutra carta que se coloca ó descoberto, de xeito que os xogadores saben sempre de que cartas se desprenden os demais compañeiros.
As cartas das que se foron desprendendo formarán un segundo mazo; cando o mazo de cartas que estaban boca abaixo se esgota, dáselle a volta a este segundo mazo revirando a que queda por riba. E así tódalas veces que sexa preciso ata que alguén pecha.
Para pechar é preciso ter menos de cinco puntos malos, é dicir que os valores das cartas que non formen parte dunha parella, trío ou escaleira sumen menos de cinco. O valor das cartas é o do seu número, o ás vale un e o rei vale dez. Se tódalas cartas están "colocadas" consegue -5 puntos. Se ten unha escaleira de cor, é dicir sete cartas do mesmo pau de valores consecutivos, fai chinchón e gaña.
Cando un xogador pecha debe amosar inmediatamente as súas cartas e a continuación farano os seus compañeiros, podendo estes colocar algunha das súas cartas malas para converter unha parella nun trío ou ampliar unha escaleira e ter así unha menor penalización.
Cando un xogador acumula máis de cen puntos positivos, perde e reengancha se quere cos mesmos puntos do xogador peor situado. Cando remata a partida, que pode durar horas, gaña o xogador que menos puntos teña.
Este xogo segue sendo practicado actualmente tanto por homes coma por mulleres; se hai moitos xogadores, divídense por xénero. Require memoria e estratexia.

lunes, 29 de junio de 2009

Expresións relacionadas cos xogos de cartas


A primeira é dos rapaces: Dise no xogo da brisca ou do tute quitándolle importancia o feito de gañar a primeira baza. Ten un carácter despectivo e tamén de autoafirmación.

A sorte do principiante: Dise cando unha persoa participa por primeira vez nun xogo e gaña.

Arado: O ás de espadas.

Arrastrar: Xogar de saída unha carta do pau de triunfo naqueles xogos nos que é obligado subirlle.

Arregala-los ollos: Levantar as cellas, facer a seña do ás no xogo da brisca.

As dez de últimas: Sumar dez puntos o que fixo a última baza no tute ou no subastado.

Ás dez de últimas: A última hora, con retraso. Esta expresión pasou dos xogos de cartas á linguaxe coloquial.

As feitas son as que valen: Dise cando ó comezo dunha partida se xoga o ás de triunfo sen esperar á posibilidade de matar o tres para asegurarse unha boa cantidade de tantos.

Asistir ó pau: Botar unha carta do mesmo pau de saída.

Baralla: Conxunto de cartas para xogar.

Barallar: Misturar as cartas da baralla;

Bastón: Ás de bastos.

Baza: Cartas que se gañan nunha ronda.

Bola: O ás de ouros.

Brisca: Xogo; os ases e os treses dos paus que non son do triunfo.

Burro: Cabalo, principalmente o cabalo de bastos; denominación de varios xogos de cartas.

Canta-las corenta: Conseguir 40 puntos por ter o rei e o cabalo do pau de triunfo nalgúns xogos, sempre que se gañe unha baza.

Cantarlle as corenta a alguén: Reprendelo. Expresión dos xogos de cartas que pasou á linguaxe coloquial.

Carro: Mazo, pote; conxunto de cartas que se poñe na mesa despois de repartir nos xogos do burro, a brisca, o tute, etc.

Carta na mesa, pesa: Indica que a carta xogada non pode retirarse.

Carta na mesa, presa: Non se pode volver a atrás a xogada.

Chamarlle burro ó cabalo: Procede dunha das modalidades do burro na que se retira para xogar o cabalo de bastos. Pasou á linguaxe coloquial co sentido de "estamos dacordo coa mesma idea aínda que non empreguemo-las mesmas palabras".

Cinquillo: Xogo de cartas;

Copón: Ás de copas.

Comodín: Nalgúns xogos, carta que pode ter o valor doutra carta calquera;

Cortar: Partir, separa-las cartas da baralla en dous montóns e volver a xuntalas cambiando o orde. Faino sempre a persoa que está á esquerda do que reparte.

Da man de: Refírese a quen iniciou a xogada.

Dar: Repartir as cartas correspondentes a cada xogador.

De man: Dise das cartas que se reciben ó repartir.

Doerlle a un a cabeza: No xogo da brisca, ter un ás ou un tres que non sexan de triunfo.

En la mesa y en el juego se conoce al caballero: Dise cando algún ten mal perder.

Encartarse: Subir a unha carta con outra do mesmo pau.

Escaleira: Serie de cartas de valor correlativo no xogo do chinchón.

Escaleira de cor: Serie de cartas de valor correlativo e do mesmo pau no xogo do chinchón. O que consegue unha escaleira de cor fai un chinchón e gaña.

Escoba: Xogo de cartas; baza na que se recollen tódalas cartas que están na mesa no xogo do mesmo nome;

Estar a cegas: Ter malas cartas.

Estorbar: no xogo da brisca botar un triunfo de pouco valor cando xa hai algunha carta na mesa ou cando vai encartada para que non salven unha brisca.

Estorbo: Triunfo pequeno.

Face-las dos zapateiros: Non gañar un só xogo na mesma partida.

Fallar: No tute ou no subastado, nos que é obrigado asistir ó pau, ter que triunfar.

Fea: Unha carta sen valor.

Figuras: As sotas, cabalos e reis de cada pau.

Ir a Allariz: Non gañar un só xogo na mesma partida.

Ir a Noia: O mesmo que ir a Allaríz, ir ó Ceboleiro ou face-las dos zapateiros.

Ir ó Ceboleiro: O mesmo que ir a Noia. O Ceboleiro é un restaurante moi popular desta vila.

Leva-lo burro: Perder nos xogos do burro.

Mata-lo tres: Xogar o ás de triunfo na mesma baza na que se xoga o tres.

Mazo: Carro, pote;

Montarse: Botar unha carta do mesmo pau da que está na mesa e de maior rango.

O que non xoga, non perde nen gaña: Dise ás vecesa para declinar unha invitación a participar nunha partida; outras para xustificar a aceptación;

Palla: No tute, subastado ou brisca, cartas sen valor algún;

Parella: No xogo do chinchon, dúas cartas do mesmo valor;

Pau: Cada un dos catro grupos de dez cartas que compoñen a baralla española;

Pintan bastos: As circunstancias non se presentan favorables;

Pintar: Triunfar;

Poñerse: Botar unha carta do mesmo pau de saída, pero de máis valor.

Pote: Carro, mazo; conxunto de cartas que quedan na mesa despois de repartir nos xogos do burro, a brisca, etc.

Rinchón: Xogo, modalidade do burro.

Saír: Ser o primeiro en xogar;

Señoritas: As sotas.

Sete-velo: o sete de outros no xogo da escoba;

Subastado: Xogo, variante do tute.

Tantos: Puntos.

Trío: No chinchón, tres cartas do mesmo valor.

Triunfo: Carta do pau que manda nos xogos da brisca, tute, etc.

Tute: Xogo de cartas.

Xogar é aposibilidade de gañar con moita probalidade de chegar a perder. Frase que se lle atribue a Carolina Otero, que era unha xogadora empedernida.

Velo: O sete de ouros no xogo da escoba;

Vinte (en copas): Conseguir vinte puntos por ter o cabalo e mailo rei dun mesmo pau. Se é do triunfo cántanse corenta.

viernes, 26 de junio de 2009

As sortes nos xogos de cartas

Nalgúns xogos de cartas, sobre todo na brisca, no subastado ou no tute, tamén se empregan sortes para determiñar quen será o primeiro en barallar e reparti-las cartas. Un calquera dalle unha carta a cada un incluído el mesmo, que se coloca ó descoberto. O que teña a carta máis alta baralla e dá.
En caso de empate entre dous ou máis xogadores, dáselles somentes a estes unha segunda carta e, se fora preciso, unha terceira ata desempatar.
En ocasións tamén se fai unha sorte para constituír os equipos que competirán entre sí. A sorte máis empregada consistía en darlle unha carta a cada un observando a que pau corresponde para aplica-lo criterio ouros con copas e espadas con bastos.
Esta sorte emprégase cando as persoas xogan unhas coas outras por primeira vez e presumen que todos teñen unha habilidade similar, pois en caso contrario, os equipos fórmanse por consenso para garanti-la competitividade.

viernes, 19 de junio de 2009

Os xogos de cartas: a brisca

É un dos xogos de cartas máis populares e que se mantén co paso do tempo. É practicado tanto polos homes como polas mulleres e polos rapaces xa un pouco máis grandes, porque require tanto memoria para botar conta das cartas que se xogaron e das que quedan por xogar, cálculo, estratexia e sicoloxía. Os máis avezados non permiten revisa-las bazas feitas para refresca-la memoria sobre as cartas que van fóra.

Poden xogar dous (cada un xoga para si), catro ou seis xogadores (por equipos).

Están permitidas as señas (ver entradas antigas) e cada xogador ou equipo debe conseguir facer máis de 60 tantos (puntos) para gañar.
As cartas cóntanse do seguinte xeito:


  • Sotas: 2 tantos;

  • Cabalos: 3 tantos;

  • Reis: 4 tantos;

  • Treses: 10 tantos;

  • Ases: 11 tantos;

As demais cartas non valen nada.

Ademais de facer señas, está permitido falar ou facer comentarios, calquera cousa con tal de averiguar o xogo do contrincante ou de confundilo. Isto proporciona un interesante léxico referido ó xogo e por iso os que xogan habitualmente, xa sexa no seo familiar, xa sexa na taberna, prefiren xogar sempre cos mesmos compañeiros e...¡cosmesmos contrincantes!, porque a brisca crea moita rivalidade.

Cando xogan catro ou seis xogadores, os integrantes de cada equipo séntanse alternando, ABAB ou ABABAB. A baralla, o B que está á súa esquerda corta; A reparte tres cartas a cada un dos xogadores comezando polo que está á súa dereita e sempre en sentido contrario ás agullas do reloxo. Pon o resto do mazo (carro) no centro da mesa e descobre unha carta que indicará o pau do triunfo e que será a última en collerse da mesa.

O primeiro xogador en recibir cartas será o primeiro que xogue. A carta de saída marcará a pauta, de xeito que, para gasña-la baza será preciso xogar unha carta máis alta do mesmo pau ou un triunfo. O que gaña a baza é o primeiro en coller outra carta do mazo e tocaralle saír esta vez.



Tódolos xogadores deben ter sempre tres cartas na man ata que se remate o carro.

O equipo que consegue máis de 60 tantos gaña o xogo. O máis frecuente é ir a catro ou a seis, é dicir que rematará gañando a partida o equipo que consega antes os catr ou seis xogos estipulados.

Se un equipo non gaña nengún xogo, quedan 4-0 ou 6-0, dise dos seus integrantes que van a Noia, que van a Allariz, que van ó Ceboleiro ou que fixeron a dos zapateiros. Todas estas expresións teñen algunha relación entre elas: tanto en Noi como en Allariz os artesáns zapateiros eran numerosos e afamados; en canto ó Ceboleiro é un tradicioanl restaurante de Noia.

lunes, 15 de junio de 2009

Os xogos de cartas: as señas

Hai xogos de cartas nos que están permitidas as señas, na brisca, por exemplo, e outros, a maioría, nas que non o están. Evidentemente, as señas só teñen sntido nos xogos nos que se forman dous equipos.

En Galicia as señas son as mesmas nas diferentes localidades e a súa funión é a de informar ó compañeiro que dirixe o xogo das cartas que se teñen na man para que este estableza a millor estratexia posible:

  • O ás: levanta-las cellas;
  • O tres: chisca-lo ollo:
  • O rei: alonga-los beizos;
  • O cabalo: torce-la boca;
  • A sota: amosa-la punta da lingua;
  • Outro triunfo: soplar soavemente;
  • Unha brisca: ladeá-la cabeza;
  • Dúas briscas: ladeá-la cabeza ós dous lados;
  • Ter malas cartas: pecha-los ollos;

Unha das razóns par o home non xogara coa súa muller ou os da casa xogaran contra os de fóra era a de evitar suspicacias sobre a posibilidade de facer señas diferentes ás convencionais e, polo tanto, xogar con ventaxa.

miércoles, 10 de junio de 2009

Xogos de cartas: o cinquillo


É un xogo practicado case exclusivamente polas mulleres, principalmente no ámbito urbán. Incluso cando nunha reunión familiar se xuntaban moitas persoas e decidían pasa-la sobremesa xogando ás cartas, dividíanse en dous grupos por xénero; os homes xogaban á brisca, ó tute ou ó subastado e as mulleres ó cinquillo.
É un xogo de "banca", pero iso non quere dicir que se xogue sempre con moedas, pódense empregar fabas, garbanzos, graus de millo, etc.
Poden xogar dúas, tres ou máis persoas; cando son moitas, xogan con dúas barallas.
Repártense tódalas cartas e inicia o xogo o que teña o cinco de ouros (de aí o nome do xogo); o que está á súa dereita debe xogar o catro ou o seis de ouros, ou outro cinco; se non ten posibilidade de xogar e "pasa" debe poñer unha moeda ou unha faba no montón. O primeiro que se descarta por completo leva para si tódalas moedas ou tódalas fabas.

domingo, 7 de junio de 2009

Xogos de cartas: a escoba

A escoba

Un xogo ben coñecido de tódolos informantes, que moitos deles aprenderon sendo aínda nenos, a pesares de que este xogo ten un complexo sistema de reglas.

Poden participar dous, tres ou catro xogadores, incluso seis, pero nunca cinco, porque, descontando as catro cartas que se colocan ó descoberto, quedan 36, que non se poden repartir equitativamente entre cinco.

Un baralla e reparte tres cartas a cada xogador, descobrindo outras catro cartas que coloca no centro da mesa, reservando o resto do mazo. Comenzando polo xogador que está á direita do que reparteu, por quenlla, cada xogador intentaá facer unha baza sumando 15 (a sota vale 8, o cabalo 9 e o rei 10; xa que este valores non coinciden cos números das cartas, esta é a primeira dificultade para un neno) cunhacarta que teña na man e unha, dúas ou máis das que están descobertas na mesa.

Ás veces hai varias posibilidades e o xogador terá que calcula mentalmente o que máis lle convén, tendo en conta o complexo sistema de puntuación deste xogo.

Se ó face-la baza deixa a mesa limpa, é dicir, recolle tódalas cartas que estaban descobertas, fai escoba e asegúrase un punto.

Se non pode facer baza, deberá desprenderse dunha carta, calculando igualmente o que máis lle beneficia.

Despois de tres roldas os xogadores desprendéronse das súas cartas e o que reparteu vólvelle dar outras tres a cada un; e fan o mesmo que antes. Habitualmente, o que reparte avisa cando chegan á última rolda. É neste intre cando cada xogador debe apurar ó máximo a súa estratexia calculando, a partire das cartas que saíron e as que ten na súa man, as posibles xogadas, tanto propias coma dos compañeiros.


  • Dous xogadores: 6 roldas;

  • Tres xogadores: 4 roldas;

  • Catro xogadores: 3 roldas;

  • Seis xogadores: 2 roldas;

O xogador que fai a última baza recolle tamén as cartas que quedan descobertas enriba da mesa, que deberán sumar 10 (ou ás veces 40), por iso, se o xogador ó que lle corresponde a última quenlla ten un rei debe desprenderse del tan pronto poida, porque en caso contrario, o xogador anteiro a el pode facer unha escoba.


Reconto de puntos:



  • Escobas: 1 punto por cada unha;

  • O velo (o 7 de ouros): 1 punto:

  • O que teña máis cartas: 1 punto;

  • O que teña máis cartas de ouros: 1 punto;

  • As "setenta": 1 punto;

Para contabilizar as "setenta" cada xogador debe poñer o sete, o seis, o ás ou o cinco de cada paue suma-los puntos; o ás vale cinco e medio.


O máis habitual é xogar a 21, é dicir o xogador que consegue antes 21 puntos gaña.


domingo, 31 de mayo de 2009

Xogos de cartas: O burro

Coñecemos tres xogos de cartas con este nome:
  • O burro, simplemente, tamén chamado rinchón;
  • O burro de unha, dúas...;
  • O burro de catro cartas;

O burro: É un dos primeiros xogos que aprenden os nenos. Poden xogar dous, tres ou máis participantes. Retírase o cabalo de bastos e repártense tódalas cartas da baralla entre os xogadores; cada un deles debe descartarse de tódalas parellas (2-2; sota-sota...) que teña; cando todos se descartaron das súas parellas, o xogador que está sentado a dereita do que reparteu pilla sen mirala unha carta do xogador que está sentado á súa dereita e así ata que tódolos participantes se descartan por completo, todos agás nun ó que lle quedará na man un cabalo e, polo tanto, levará o burro.

Variantes deste xogo con diferentes tipos de imaxes, máis ou menos complexas segundo os destinatarios (nenos, adultos, maiores...) empréganse actualmente nos obradoiros de estimulación cognitiva.

O burro de unha, dúas...: É tamén un dos primeiros xogos con que os rapaces se familiarizan coa baralla. Poden xogar dous, tres ou máis rapaces e ás veces algún adulto. Repártese o mazo entre todos sen que poidan ver ou barallar as cartas que lles tocaron. Por quenlla van botando unha carta enriba da mesa poñéndoa ó descoberto e contando en voz alta unha, dúas, tres..., sete, sota, cabalo, rei, unha...

Se o número que di o xogador corresponde coa carta que tira, debe recoller todo o montón que está enriba da mesa, pero se o compañeiro que está a súa dereita cobre a carta debe ser el que o recolla, porque

Carta na mesa, pesa, ou

Carta na mesa, presa.

Perde o que se quede con algunha carta na man cando os demais se descartaron e leva o burro. é un xogo de atención e axilidade visual.

O burro de catro cartas: É un xogo no que participan tanto nenos como adultos, homes ou mulleres de calquera idade; abonda con que sepan xogar. Trátase, pois, dun xogo familiar no que non hai límite en canto ó número de xogadores, cantos máis, máis entretenido.

Repártense 4 cartas a cada xogador e déixase o mazo sobe a mesa. Se foran máis de dez xogadores, daríaselles unha carta a cada un ata remata-lo mazo; non importa que un xogue con catro cartas e outro con tres, por exemplo, porque este feito non condiciona o desenvolvemento do xogo.

O valor das cartas é o do número correspondente, de xeito que o ás vale menos e o rei vale máis. Comeza o xogo o que está á dereita do que reparteu botando unha carta; os compañeiros, por rigurosa quenlla seguindo o sentido contraro ás agullas do reloxo, terán que xogar unha carta do mesmo pau; se non a teñen, deben coller cartas do mazo ata atopar unha (están obrigados a botar a primeira que collan, ainda que sexa drango menor á que está na mesa);se non quedan cartas no mazo, colle tódalas cartas que hai na mesa e volve a xogar o que botara a carta máis alta.

Cando se completa unha rolda, é dicir, cando tódolos xogadores botaron unha carta do pau de saída, apártanse esas cartas que "van fóra2 e sae o que botara a carta máis alta. Así ata que, pouco a pouco, se van librando das cartas e saíndo do xogo que ten como obxectivo desprenderse das cartas canto antes, pois o que queda cunha carta na man perde e leva o burro.

Require memoria, saber que paus non ten o viciño e en que mans están os reis, sicoloxía, estratexia e, como tódolos xogos de cartas, algo de sorte.

Os xogos de cartas

Ás cartas xogábase na taberna, só os homes, e na casa, onde podían xogar homes, mulleres e nenos, tanto membros da familia coma viciños que se achegaban, unhas veces xa co propósito de botar unha partida, outras por calquera motivo (tratar unha venda, pedir un favor...), mesmo algún mozo que ía ás mozas xogaba cos homes da casa.
A participación dos nenos e das mulleres nos xogos de cartas estaba sometida a unhas regras non escritas, pero aceptadas por todos:
  1. Tiñan sempre preferencia os homes; se eran dous, catro ou seis, xogaban eles sós, mentres as mulleres facían os labores e os nenos miraban. Ó remataren os labores, as mulleres miraban tamén;
  2. Se eran tres ou cinco, completaban a partida con mulleres, comezando polas máis vellas;
  3. Se era un home só entón xogaban os nenos e as nenas; para xogaren os rapaces o máis importante non era o xénero, senón a habilidade para xogar;
  4. Cando só había mulleres, coa participación dos nenos acontecía o mesmo que no caso anterior.

Os xogos que se practicaban eran diferentes en moitos casos segundo participasen na partida somentes homes, ou homes e mulleres ou nenos.

Podían xogar hoes contra mulleres, pero unha muller non xogaba co seu home coma compañeiro habitualmente. Se un mozo xogaba na casa da súa moza, esta non participab nunca na partida.

Os xogos máis comúns eran a brisca, o tute, o subastado, as sete e media, se só era homes; a brisca e a escoba ou o burro de catro cartas se participaban nenos ou mulleres.

miércoles, 29 de abril de 2009

Os xogos das cartas

O primeiro que aprendían os nenos era a recoñecer as cartas, a sabe-lo seu valor segundo o xogo do que se tratara e a contar os puntos.

Todo isto aprendíano observando como xogaban os maiores ou grazas ós avós, que se sentían orgullosos cando os seus netos mostraban ter habilidade para ilo, pois os xogos de cartas gozaban dun gran valor sociocultural na Galicia tradicional.

Xa o di o refrán "En la mesa y en el juego se conoce al caballero" e os paisanos eran conscientes de que algúns xogos precisan atención, cálculo, estratexia e outras habilidades útiles para a vida cotiá.

O coñecementos das cartas:
O neno comeza a contar as cartas baixo a mirada atenta do avó ou da avoa: a baralla española ten corenta cartas. Se non sae a conta é posible que se trabucara, debe comezar outra vez.
Se non se trabucou, faltan unha ou dúas, pero ¿cales?
O neno debe aprender a identificar os paus polas súas cores:
- amarelo para os ouros;
- bermello para as copas;
- verde para os bastos;
- azul para as espadas;

Así que separa as cartas en catro montóns que deberán contar con dez cartas cada un, numeradas do un ó sete (os oitos e os noves non soen empregarse), máis a sota, o cabalo e o rei, que son figuras.
O un é o as.

Os ases teñen os seus propios nomes:
- a bola: o as de ouros;


- o copón: o as de copas;





- o bastón: o as de bastos;
- o arado: o as de espadas;

Ós cabalos chámaselles "burros" (de aí a expresión "chamarlle burro ó cabalo") e ás sotas "señoritas".





Outras cartas tamén terán nomes espciais en determiñados xogos: o sete de ouros será o velo no xogo da escoba.





Unha vez que o neno recoñece as cartas, comezará a practicar con xogos sinxelos.