Mostrando entradas con la etiqueta os xogos das festas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta os xogos das festas. Mostrar todas las entradas

miércoles, 22 de julio de 2009

As piñatas


Xogo propio das festas, non só do Domingo de Piñata (primeiro domingo de Coresma, posterior ó Mércores de Cinza), senón tamén das Festas Patronais e que hoxe pervive na celebracións de onomásticas e cumpleanos, así como nas actividades dos campamentos infantís e ó que non é alleo o costume de guindar caramelos ós rapaces nas Cabalgatas de Reis.
Colócanse varios obxectos pendurados dunha corda que se ata a dous postes ou a dúas árbores; un dos obxectos contén caramelos, garrapiñadas, figos e uvas pasas e outras golosiñas e os demais conteñen fariña, fabas, arroz ou graos de millo; o rapaz que quere consegui-la piñata que logo compartirá cos seus compañeiros, debe romper, axudándose dun pau e cos ollos tapados cun pano, o cacharro que contén as golosiñas; se nono consegue pasaralle a quenlla a outro.
Antiguamente os cacharros eran recipientes de barro, xa un pouco escachados ou defectuosos, actualmente empréganse binchas ou incluso caixas que non só conteñen golosiñas, senón tamén pequenos xoguetes.
As Piñatas recordan a versión da Pita Cega recollida no Concello de Brión descrita nunha entrada anterior.
Segundo algúns expertos, as piñatas eran orixinarias da China e chegaron a Europa por medio de Marco Polo.

lunes, 29 de junio de 2009

A cucaña ou pau ensebado


É un xogo ou cicais deberiamos dicir unha competición propia das festas patronais nalgunhas localidades galegas, aínda que a súa orixe sexa foránea (segundo algúns autores, procede de Nápoles).
Consiste nun poste de madeira espetado no medio do campo da festa do que pendura algún tipo de recompensa: golosinas, embutidos (chourizos, lacón, xamón...), animais (capón, coello...) ou, incluso, cartos, situada a uns 6 metros de altura ou máis. Participan os rapaces, mociños xa, máis áxiles, pois deben aparruñar sen máis axuda que a forza das súas mans e das súas pernas polo poste ata acadar a recompensa.
O poste é unha árbore o máis lisa e dereita posible que se unta con sebo (de aí o nome de pau ensebado), facendo así máis difícil o ascenso. De feito, o que conseguía a recompensa despois de moito esforzo remataba cos muslos seriamente lacerados.