
sábado, 6 de junio de 2009
martes, 2 de junio de 2009
Xogos e xoguetes
Os xogos da corda

Xogábase ó aire libre, tanto nenos coma nenas misturados. Dous rapaces dan á corda de xeito que esta se mova imitando os movementos serpenteantes da culebra. Os outros entran e saen saltando por enriba percurando que a corda non lle toque nas pernas. Se isto acontecera, perdían e tiñan que pasar a dar.
Xogos e xoguetes
Trátase dun xogo que practican na casa un ou varios nenos en compañía dun adulto.Cando só hai un neno ou nena, o adulto séntase e o rapaz, frente a el, pon a cabeza no seu colo tapando os ollos coas mans. O adulto coloca a súa man enriba do lombo do neno, pero sen tocarlle preguntándolle "¿Ovo, pico, araña?", mentres fai un círculo cos dedos pulgar e índice (ovo), encolle tódolos dedos agás o índice (pico) ou abre a man curvando os dedos (araña).
Se hai varios nenos ou nenas, colócanse nunha ringleira, uns detrás dos outros; un deles panda coma no caso anterior e o seguinte fai unha das figuras descritas coa súa mancuña; se o que panda acerta, deixa de pandar e pasa ó final da ringleira e o outro panda.
Así ata que cansan.
Non debemos, polo menos en Galicia, confundir este xogo practicado polos nenos máis pequenos con outro practicado só polos áis vellos denominado "Arríncate nabo", que tamén describiremos no seu momento. Se fago esta puntualización é porque nun programa radiofónico a propósito das diferencias de xénero nos xogos tradicionais algúns dos ouvintes que chamaron ó programa refundiron estes dous xogos nun só, o que me fai pensar que así era nalgunhas outras localidades españolas.
domingo, 31 de mayo de 2009
Xogos de cartas: O burro
- O burro, simplemente, tamén chamado rinchón;
- O burro de unha, dúas...;
- O burro de catro cartas;
O burro: É un dos primeiros xogos que aprenden os nenos. Poden xogar dous, tres ou máis participantes. Retírase o cabalo de bastos e repártense tódalas cartas da baralla entre os xogadores; cada un deles debe descartarse de tódalas parellas (2-2; sota-sota...) que teña; cando todos se descartaron das súas parellas, o xogador que está sentado a dereita do que reparteu pilla sen mirala unha carta do xogador que está sentado á súa dereita e así ata que tódolos participantes se descartan por completo, todos agás nun ó que lle quedará na man un cabalo e, polo tanto, levará o burro.
Variantes deste xogo con diferentes tipos de imaxes, máis ou menos complexas segundo os destinatarios (nenos, adultos, maiores...) empréganse actualmente nos obradoiros de estimulación cognitiva.
O burro de unha, dúas...: É tamén un dos primeiros xogos con que os rapaces se familiarizan coa baralla. Poden xogar dous, tres ou máis rapaces e ás veces algún adulto. Repártese o mazo entre todos sen que poidan ver ou barallar as cartas que lles tocaron. Por quenlla van botando unha carta enriba da mesa poñéndoa ó descoberto e contando en voz alta unha, dúas, tres..., sete, sota, cabalo, rei, unha...
Se o número que di o xogador corresponde coa carta que tira, debe recoller todo o montón que está enriba da mesa, pero se o compañeiro que está a súa dereita cobre a carta debe ser el que o recolla, porque
Carta na mesa, pesa, ou
Carta na mesa, presa.
Perde o que se quede con algunha carta na man cando os demais se descartaron e leva o burro. é un xogo de atención e axilidade visual.
O burro de catro cartas: É un xogo no que participan tanto nenos como adultos, homes ou mulleres de calquera idade; abonda con que sepan xogar. Trátase, pois, dun xogo familiar no que non hai límite en canto ó número de xogadores, cantos máis, máis entretenido.
Repártense 4 cartas a cada xogador e déixase o mazo sobe a mesa. Se foran máis de dez xogadores, daríaselles unha carta a cada un ata remata-lo mazo; non importa que un xogue con catro cartas e outro con tres, por exemplo, porque este feito non condiciona o desenvolvemento do xogo.
O valor das cartas é o do número correspondente, de xeito que o ás vale menos e o rei vale máis. Comeza o xogo o que está á dereita do que reparteu botando unha carta; os compañeiros, por rigurosa quenlla seguindo o sentido contraro ás agullas do reloxo, terán que xogar unha carta do mesmo pau; se non a teñen, deben coller cartas do mazo ata atopar unha (están obrigados a botar a primeira que collan, ainda que sexa drango menor á que está na mesa);se non quedan cartas no mazo, colle tódalas cartas que hai na mesa e volve a xogar o que botara a carta máis alta.
Cando se completa unha rolda, é dicir, cando tódolos xogadores botaron unha carta do pau de saída, apártanse esas cartas que "van fóra2 e sae o que botara a carta máis alta. Así ata que, pouco a pouco, se van librando das cartas e saíndo do xogo que ten como obxectivo desprenderse das cartas canto antes, pois o que queda cunha carta na man perde e leva o burro.
Require memoria, saber que paus non ten o viciño e en que mans están os reis, sicoloxía, estratexia e, como tódolos xogos de cartas, algo de sorte.
Os xogos de cartas
A participación dos nenos e das mulleres nos xogos de cartas estaba sometida a unhas regras non escritas, pero aceptadas por todos:
- Tiñan sempre preferencia os homes; se eran dous, catro ou seis, xogaban eles sós, mentres as mulleres facían os labores e os nenos miraban. Ó remataren os labores, as mulleres miraban tamén;
- Se eran tres ou cinco, completaban a partida con mulleres, comezando polas máis vellas;
- Se era un home só entón xogaban os nenos e as nenas; para xogaren os rapaces o máis importante non era o xénero, senón a habilidade para xogar;
- Cando só había mulleres, coa participación dos nenos acontecía o mesmo que no caso anterior.
Os xogos que se practicaban eran diferentes en moitos casos segundo participasen na partida somentes homes, ou homes e mulleres ou nenos.
Podían xogar hoes contra mulleres, pero unha muller non xogaba co seu home coma compañeiro habitualmente. Se un mozo xogaba na casa da súa moza, esta non participab nunca na partida.
Os xogos máis comúns eran a brisca, o tute, o subastado, as sete e media, se só era homes; a brisca e a escoba ou o burro de catro cartas se participaban nenos ou mulleres.
viernes, 29 de mayo de 2009
Xogos e xoguetes

A mariola ou peletreUn xogo propio das nenas que recibe diferentes nomes:
- mariola
- marrola (Vigo)
- peletre
- avión
- ceo e terra
Tamén son diferentes, segundo as localidades, os trazados que se marcan no chan, cun pau se é de terra e cun anaco de tella ou unha tiza se é de pedra, para practicar este xogo.
A meirande parte das mariolas teñen sete casillas, un número símbólico para a tradición xudeocristiana que representa os días que o señor empregou na Creación; por outra banda, o seu trazado lémbranos a planta dunha basílica de cruz latina e unha soia nave ; a estas circunstancias é posible que non sea alleo un dos nomes do xogo (ceo e terra). En canto ó avión é, sen dúbida, unha denominación máis moderna derivada igualmente do seu trazado.
O peletre é unha pedra ou un anaco de tella a poder ser plano por unha cara que se lanzaba desde fóra á casilla correspondente, se quedaba sobre unha raia ou noutra casilla a nena perdía e tiña que ceder a súa quenlla a unha compañeira. No sur da provincia de Pontevedra recibe o nome de pello.

