Mostrando entradas con la etiqueta xogos na escola. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xogos na escola. Mostrar todas las entradas

martes, 21 de julio de 2009

Os ceros

Xogábase na escola, con coidado de non ser descobertos polos mestres.
Participan dous xogadores que debuxan os ceros sobre unha folla de papel, preferentemente cuadriculado; poden debuxar tantos ceros como queiran, todo dependerá do tempo do que dispoñan.
Era practicado sobre todo polas nenas; por quenlla, cada nena unía dous ceros cunha liña, cando ó traza-la liña pechaba o cadrado, poñía nel unha letra, case sempre a inicial do seu nome e unía outros dous ceros. Cando o xogo ía avanzando era fácil pechar varios cadrados nunha mesma xogada.
Se dispoñían de lápices ou bolígrafos diferentes, cada nena empregaba unha cor para diferenciar millor os cadrados de cada unha. Gañaba a nena que tivera máis cadrados coa súa inicial.

domingo, 19 de julio de 2009

Os submariños



Xogábase na escola, antes de que chegara o mestre ou ás agachadas. Dous participantes xa non moi pequenos, debuxaban cada un nunha folla de papel cuadriculado dous cadrados de 10x10 identificando as columnas cos números do 1 ó 10 e as filas coas letras da A á J, de xeito que cada cela quedaría identificada inequivocamente por unha letra e un número, A3, C7, G5, etc.
No cadrado da esquerda debuxaban os submariños, asegurándose de que o compañeiro non poidera percatarse da súa situación;
  • 4 submariños de 1 cela;
  • 3 submariños de 2 celas;
  • 2 submariños de 3 celas;
  • 1 submariño de 4 celas;

Por quenlla, un dos participantes dicía D8 e o outro dicía auga se non tiña ningún submariño nesa cela; pero se o tiña dicía tocado de 1, 2, 3 ou 4, segundo o número de celas do submariño, ou afundido se as demais celas dese submariño estaban tocadas; se era dunha soa cela dicía tocado de 1 , afundido. Ó mesmo tempo, marcaba cunha cruz a cela tocada. Se dicía auga non marcaba nada.

O seu compañeiro marcaba cun punto no cadrado da dereita as respostas, un punto se era auga e unha cruz se era tocado; se estaba afundido marcaba o seu contorno.

Gañaba o que conseguía afundir tódolos submariños do compañeiro antes de que este lle afundira os seus.