domingo, 29 de marzo de 2009

Xogos e xoguetes...

Os xogos de prendas:
Reciben este nome aqueles xogos nos que o que perde debe "pagar prenda", é dicir, despenderse de algo da súa propiedade (algún xoguete que leva no peto, o sombreiro, a pucha, o pano da man...) que recuperará ó remata-lo xogo se consegue superar con éxito a proba que lle poña o rapaz ou a rapaza que "mande", que soe ser o máis vello ou a máis vella.

Antón Pirulero:
É sen dúbida o xogo de prendas máis popular.
Os participantes, as nenas de calquer idade e máis os nenos máis pequenos, séntanse nunha roda e van cantando
Antón, Antón Pirulero,
cada cual, cada cual
que atienda a su juego
y el que no lo atienda,
y el que no lo atienda
pagará una prenda,
pagará una prenda.
Antón, Antón Pirulero...
cada vez máis apresa mentres teñen que ir imitando as accións do ou da que manda (coser, fregar, peitearse, rascarse unha orella...).
Cando alguén se retrasa, perde e debe pagar prenda.



As diferencias de xénero

Na práctica dos xogos tradicionais había profundas diferencias de xénero desde a infancia. Estas diferencias referíanse tanto ós xoguetes que os nenos e nenas se procuraban eles mesmos, coma ós que lles facilitaban os adultos, coma ós espazos de xogo e ós xogos en si e estaban condicionadas por diversas circunstancias:
  • A idade, as diferencias aumentaban coa idade, de xeito que ó chegar á adolescencia existía case unha absoluta separación por xéneros;
  • O parentesco, nenos e nenas podían xogar xuntos se existía entre eles un parentesco próximo e separado se non existía consanguinidade;
  • Os materiais precisos para o xogo, pois rapaces e rapazas non dispoñían dos mesmos xoguetes;
  • O número de nenos que se xuntara, se eran poucos xogaban xuntos e se eran moitos separábanse por xénero;
  • As características de cada xogo, xa que as nenas estaban limitadas no tocantes á libertade de movementos polo xeito de vestir;
Na idade adulta e incluso na vellez tamén existían diferencias entre os xéneros, tanto nos xogos que uns e outros practicaban, coma nos espazos nos que uns e outros podían desenvolver unha actividade lúdica (exclusivamente no interior do fogar ou fóra del).
As diferencias neste caso estaban condicionadas por circunstancias tales como:
  • O status no seo familiar de cada persoa;
  • O parentesco;
  • A participación no xogo de persoas álleas ó núcleo familiar.

viernes, 27 de marzo de 2009

Xogos e xoguetes...


O Tirachinas:
Faise cunha galla duha pola de árbore en forma de Y e unha tira de goma das llantas das bicicletas. Era un xogo case exclusivamente dos nenos xa un pouco grandes, que se divertían tirando pequenas pedras ou anacos de tella ós paxaros. Ás veces tamén practicaban a súa puntería tirando contra latas vellas ou botellas inservibles.
Tamén recibía o nome de "tiraareas".




O Tiratacos:
Consistía nun cano que se facía cun pau de sabugueiro ó que se lle quitaba a médula para que quedara foco, e un émbolo para empurrar as bóliñas de loureiro que se introducían no cano.



As cerbatanas:
Son similares ós tiratacos, pero non precisan émbolo, xa que as bóliñas lánzanse soprando.

Os Arrolos...

Duérmete mi niña,
duérmete, mi Sol,
duérmete, mi niña,
que viene el cocón
y lleva a las niñas
que no duermen non (sic).
(Concello de A Golada)

Este niño pequeño

no tiene cuna;
su padrino es carpintero
y le hará una.
(Concello de Santiago de Compostela)

Duérmete, mi niño,
duérmete, mi Sol,
duérmete pedazo
de mi corazón.
(Concellos de Noia e Santiago de Compostela)

Algunhas cantigas de berce recollen a vida cotiá da familia galega aportando en moitos casos unha interesante información sobre a división dos labores segundo o xénero.
Durme, durme, meu meniño,
durme e non deixes de durmir,
túa nai vai na leña
e teu pai logo ha de vir.
(Concellos de A Golada e O Pino)
Tamén podían dicir
túa nai vai na verdura, no muíño, paña-la herba, etc., sendo neste caso unha avoa, unha tía ou unha veciña a encargada de coidar do neno ou da nena.

Outro exemplo:
Esta nena pequerrecha
heina de aprender a todo,
a cocer e a amasar
e a meter o pan no forno.
(Concellos de Santiago de Compostela e Vedra)

Este neno pequeniño,
pequeniño coma un rato,
heino de levar á escola
e metelo nun zapato.
(Concello de Santiago de Compostela)

Este outro moi similar:
Este meniño pequeno,
pequeno coma un rato,
heino de levar ó muíño
e metelo nun burato.
(Concello de Vedra)

Duérmete, mi niño,
que tengo quehacer,
lavar los pañales,
planchar y coser.
(Concello de Vigo)


miércoles, 25 de marzo de 2009

Xogos e xoguetes...


As binchas:
Inflábanse as vexigas dos porcos e poñíanse a afumar penduradas debaixo da cambota da cheminea, despois os rapaces xogaban con elas coma se foran pelotas. Tamén as empregaban as máscaras que saían no Entroido.

Vocabulario

Cucar un ovo:
Facerlle un buratiño para vacialo. As cáscaras empregábanse despois para xogar á Pita Cega ou para facer bonecos.
A orixe da expresión procede do comportamento do cuco, xa que a súa femia pon os ovos, unha ducia aproximadamente, nos niños doutros paxaros, un en cada niño.
Para que o número de ovos do niño non varíe ha de "cucar" de cada vez un ovo doutro paxaro.

martes, 24 de marzo de 2009

Os Arrolos...

Esta linda niña que nació de día
quiere que la lleven a la romería;
esta linda niña que duerme de noche
quiere que la lleven a pasear en coche.
(Concellos de Teo e A Golada)

Este meu neno meniño
ten ganas de durmir;
ten un olliño pechado,
o outro non o pode abrir.
(Concellos de Vedra e Santiago de Compostela)

Ea, ea, ea, mi niña duerme
con un ojo abierto
como las liebres, ea, ea, ea.
(Concello de Silleda)