domingo, 6 de diciembre de 2009

Xogos con pelota: o brilé

Xógase ó aire libre, nun terreo chan, só nenas ou nenos e nenas misturados, pois estando sós, os rapaces preferen o fútbol. xogan con calquera pelota que teñan, aínda que é preferible unha pelota cun pouco de peso.
Trátase dun xogo, case un deporte, que combina a forza física e a resistencia, pois se os equipos están ben equilibrados o partido pode durar bastante tempo, coa estratexia.
O espazo de xogo (campo) establécese en función de distintas variables:
  • as propias condicións do terreo;
  • as características da pelota;
  • o número de xogadores;
  • a idade e/ou a destreza dos mesmos;

As dimensións podían oscilar entre un mínimo de 15 metros de largo por 4 de ancho, e 25 metros de largo por 12 de ancho.

O campo divídese transversalmente en dúas partes cunha liña trazada cun pao ou cunha tiza. Ningún dos equipos pode pisa-la liña que o separa do outro. Os brilados dun equipo pasan a situarse detrás dos xogadores do equipo contrario e tampouco poderán invadir o seu espazo.

Brilar quere dicir tocar coa pelota a un xogador do equipo contrario antes de que bote no chan.

O número de xogadores por equipo é de dous ou máis, sen limitación; pode xogar un número par de xogadores contra un número impa (oito contra nove, por exemplo), porque os equipos fórmanse practicando unha sorte, case sempre a sorte dos pés, e o último en ser escollido é sempre o máis pequeno ou o áis torpe, de xeito que a súa presenza non desequilibra as posibilidades dos equipos.

Os brilados son fundamentais para a estratexia do xogo, pois unha boa combinación entre eles e o resto dos xogadores do seu equipo pode conseguir acorralar ó equipo contrario, desgastándoo físicamente para despois brilarlle un xogador por sorpresa.

O xogador brilado leva consigo a pelota, de forma que, se un equipo leva moito tempo sen poder collela, pode deixar que lle brilen a un xogador para recuperala.