miércoles, 29 de abril de 2009

O mundo infantil


A bulsa para a merenda.

Xogos e xoguetes

Carrilana coa que xogaban os rapaces máis vellos. Ás veces estaba feita or eles mesmos. As rodas son caixas de bolas, que eran moi apreciadas porque non era moi doado conseguilas.
Sentábanse nela un ou dous nenos e deixaban que co seu propio peso a carrilana rodara costa abaixo.

Os xogos das cartas

O primeiro que aprendían os nenos era a recoñecer as cartas, a sabe-lo seu valor segundo o xogo do que se tratara e a contar os puntos.

Todo isto aprendíano observando como xogaban os maiores ou grazas ós avós, que se sentían orgullosos cando os seus netos mostraban ter habilidade para ilo, pois os xogos de cartas gozaban dun gran valor sociocultural na Galicia tradicional.

Xa o di o refrán "En la mesa y en el juego se conoce al caballero" e os paisanos eran conscientes de que algúns xogos precisan atención, cálculo, estratexia e outras habilidades útiles para a vida cotiá.

O coñecementos das cartas:
O neno comeza a contar as cartas baixo a mirada atenta do avó ou da avoa: a baralla española ten corenta cartas. Se non sae a conta é posible que se trabucara, debe comezar outra vez.
Se non se trabucou, faltan unha ou dúas, pero ¿cales?
O neno debe aprender a identificar os paus polas súas cores:
- amarelo para os ouros;
- bermello para as copas;
- verde para os bastos;
- azul para as espadas;

Así que separa as cartas en catro montóns que deberán contar con dez cartas cada un, numeradas do un ó sete (os oitos e os noves non soen empregarse), máis a sota, o cabalo e o rei, que son figuras.
O un é o as.

Os ases teñen os seus propios nomes:
- a bola: o as de ouros;


- o copón: o as de copas;





- o bastón: o as de bastos;
- o arado: o as de espadas;

Ós cabalos chámaselles "burros" (de aí a expresión "chamarlle burro ó cabalo") e ás sotas "señoritas".





Outras cartas tamén terán nomes espciais en determiñados xogos: o sete de ouros será o velo no xogo da escoba.





Unha vez que o neno recoñece as cartas, comezará a practicar con xogos sinxelos.




martes, 28 de abril de 2009

Xogos e xoguetes

Carriño de madeira.
Era un xoguete feito na casa para os nenos moi pequenos.
O neno metía todo tipo de cousas no carriño e levabáas dun lado para outro tirando da corda.

O mundo infantil

O peto
Outro dos obxectos emblemáticos do mundo infantil era o peto, recipiente de barro no que os nenos ían gardando tódalas moedas que xuntaban. Cando o peto estaba cheo rompíano para mercar algún xoguete ou calquera outra cousa do seu interés.
Romper o peto era un acto de gran trascendencia na vida no neno.
Xa máis recentemente apareceron petos con forma de porquiño, porque na cultura galega os cartos van asociados ós porcos.

Os xogos da corda


Quisiera saber mi vocación...
Nos xogos da corda as distintas modalidades practicábanse en función do número de participantes; se eran moitos, o xogo tiña que ser áxil; se eran poucos, máis posado. Pasábase dunha modalidade a outra segundo fora variando o número de xogadores.
Esta variante practicábase cando había poucas nenas, abondaba con tres.
Dúas daban á corda e a outra saltaba, mentres cantaban:
Quiera saber mi vocación:
soltera, casada, viuda o monja.
E agora máis rápido:
soltera, casada, viuda o monja.
Máis rápido aínda:
soltera, casada, viuda o monja.
E logo máis lento:
soltera casada, viuda o monja...
Así ata que perdía e pasaba a saltar outra. As que daban podían variar a velocidade da corda segundo a súa vontade, tratando sempre de sorprender á que saltaba para que perdera.

A este xogo tamén podía xogar unha nena soia.
Similar é este outro:
Cuco rei, cuco rei,
¿cantos anos vivirei?
Vintecinco, non o sei.
Un, dous, tres, catro...
ata que perdía ou se cansaba.

O mundo infantil

Un dos obxectos emblemáticos do mundo infantil principalmente no ámbito rural era o banquiño de madeira que cada neno ou nena tiña e que soía levar consigo a todas partes, á eira, á cociña, ó cuarto...

Eran os pais ou moitas veces os avós os que lle facían o banco ó neno, tiña no centro unha abertura en forma de S para podelo agarrar facilmente e recibe o nome de tallo de barquiño pola forma das pezas laterais que fan de pés.



lunes, 27 de abril de 2009

Xogos e xoguetes


O florón.
O florón é un anel, aro ou arandela que se inserta nunha corda fina ou nun cordel.
Os nenos e nenas participantes fan unha roda, podendo permañecer de pé ou sentarse no chan se están fóra e nun banco ou cadeira se están dentro da casa. Un queda no medio que é o que panda.
Os nenos agarran a corda coas dúas mans e van pasando duns a outros o florón sen que se vexa mentes cantan:
El florón está en mis manos,
en mis manos está el florón;
el florón pasó por aquí,
yo no lo vi, yo no lo vi.
O que está no medio ten que sinalar ó compañeiro que coide que ten o florón, se acerta o compañeiro panda e se non segue pandando el. O xogo volve a comezar.

Vocabulario


CARACOCHES:

Carolos dos carballos cos que os nenos xogaban ó guá se non tiñan bólas e cos que facían rosarios e colares.

domingo, 26 de abril de 2009

Xogos e xoguetes


Balancín improvisado cun toro de madeira e unha táboa. Séntabase un neno de cada lado; era preciso que tiveran un peso similar e resultaba bastante inestable porque o toro de madeira desplazábase co movemento dos nenos.

Xogos que non son xogos

Un divertimento dos rapaces era pillar grilos, que metían nunha caixiña con buratos e unha folla de leituga.
Tamén pillaban vacalouras e atábanas cun fío a unha póla para que, no intento de fuxir, abriran as ás exteriores, quitinosas, e desplegaran as outras irisadas e de gran beleza. Despois soltábanas.
Tamén pillaban cagopes (renacuaxos) nas charcas e regachos.


sábado, 25 de abril de 2009

Os xogos tradicionais

Atendendo ó uso ou á ausencia de materiais, podemos agrupa-los xogos tradicionais do seguinte xeito:

1.- Xogos sen material:

  • Os xogos de pillar
  • A agachadela
  • Os xogos da roda
  • Os xogos de prendas...

2.- Xogos con material: Algúns destes xogos non precisan xoguetes propiamente ditos, senón elementos que os nenos teñen facilmente ó seu redor (carolos dos carballos, pedriñas, anacos de tella...)

  • Os xogos con pelota
  • Os xogos da corda
  • Xogos de cartas
  • Xogos de malabares
  • As bolas
  • As tabas
  • A rá
  • A estornela...

3.- Xogos nos que o xogo é o xoguete:

  • O aro ou quilla
  • Os papaventos
  • Os zancos
  • A arrandieira
  • Os ioiós
  • As carrilanas...

Xogos con pelota


Da Habana veu un barco cargado de...
Xogan nenos e nenas ó aire libre; unha pelota de trapo serve perfectamente aínda que non bote, pois non debe caír ó chan no trascurso do xogo.
Os participantes colócanse nunha roda; o que dirixe o xogo escolle unha letra do alfabeto, o T, por exemplo, e lánzalle a pelota a calquera compañeiro dicindolle: Da Habana veu barco cargado de...", e o que recibe a pelota debe contestar cunha palabra que comece por T, por exemplo, tellas; volve a lanzar a pelota a outro compañeiro dicindo o mesmo, Da Habana veu un barco cargado de..., tirantes, tirabeques, tenazas... E así ata que se cansan.

Este xogo montroumo xa hai moitos anos a informante C.V.S., do concello de Mesía, e incorporeino ós meus exercicios de estimulación cognitiva con persoas maiores, descobrindo que era coñedicido por algunhas delas.

viernes, 24 de abril de 2009

Xogos e xoguetes



O Berce.
Era un xogo exclusivamente das nenas, algunhas xa adolescentes ou, incluso, mociñas. Trátase dun xogo de habilidade que se pode practicar en calquera sitio. Xogan polo menos dúas nenas.
Precísase un cordel ou millor cordón se é que o hai de, aproximadamente, 2 metros de lonxitude.
Unha das nenas entrelaza o cordón nas mans e a outra debe trasladalo á súa con movementos precisos para ir conseguindo determiñadas figuras, algunhas delas de gran dificultade.
Trátase dun xogo que desaparecera por un tempo, pero actualmente volveu porse de moda a súa práctica.

Xogos e xoguetes


Carrilana.
Totalmente feita de madeira, as rodas estaban recubertas de coiro.

jueves, 23 de abril de 2009

Xogos e xoguetes


O escondite inglés:
Xogábase ó aire libre, nenos e nenas. Non se precisa nengún material. Facíase unha sorte e un pandaba contra unha parede ou unha árbore contando:
Un, dous, tres,
escondite inglés (algúns dicían zapatito inglés)
sen move-las mans,
sen move-los pés.
Os outros rapaces que, ó comezo do xogo se colocaran nunha ringleira a unha distancia considerable, segundo as posibilidades do terreo, avanzaban o máis apresa posible e paraban de súpeto candoremataba de contar o que pandaba. Se este descobrise algún movemento nun compañeiro, daríalle unha palmada na parte do corpo que movera e pasaría a pandar comezando o ogo de novo.
Se nengún se movera o que panda volvería a contar e os outros a avanzar desde a posición na que quedaran, tratando de chegar á "madre" (lugar no que se panda) e darlle unha palmada ó que panda; así este terá que seguir pandando e o xogo volverá a comezar.

lunes, 20 de abril de 2009

Os xogos da corda


Xogos practicados case exclusivamente polas nenas ó aire libre.
Pode xogar unha nena soia ou varias; cando xoga unha nena soia, esta colle os extremos da corda coas mans e móveas en círculos de atrás hacia diante ou de diante hacia atrás e vai saltando ó compás, procurando non tocar a corda cos pés.

Cando xogan varias nenas ou nenos, existen varias modalidades, segundo o uso que se fai da corda:



  • A maroma;

  • A barca-barca;

  • Entrar e saír;

  • Outros;

A maroma:

Precísanse varios rapaces, neste caso nenas e nenos, pois ó ser un xogo de forza, estes non poñen dificultade para participar. A corda debe ser relativamente longa, en función do número de xogadores.

Faise unha sorte para establecer os equipos, que estarán encabezados polos máis fortes; se os participantes son impares, dous nenos pequenos contarán como un dos grandes.

Co pau do zoco trázase unha liña no chan que dividirá os campos dun e doutro equipo. Os rapaces agarráranse á corda, cada grupo a un lado, e á de tres, comezarán a tirar coa forza que teñan coa intención de que algún xogador do equipo contrario pise a liña do chan.


A barca-barca:

Dúas nenas collen a corda, unha por cada extremo e móvena dun lado para outro mentres outra salta coidando que a corda non lle toque. Cantan:


Al pasar la barca

me dijo el barquero

las niñas bonitas

no pagan dinero;

yo no soy bonita

ni lo quiero ser,

arriba la barca, (neste momento erguían as mans e a corda quedaba por riba da cabeza da nena)

una, dos y tres. (Saltaba tres veces máis e saía).



Entrar e saír:

Dúas nenas dan á corda e as demais poñense nunha ringleira ó lado dunha das nenas, entrando a saltar unha detrás da outra, mentras cantan:


Una, dos, Niño Dios,

Ángeles al cielo,

María Consuelo

y la misión del Niño Jesús

que viene cansado

de andar con la cruz;

dos palomitas en un palomar

miran al cielo, rezan a Dios,

Santa María Madre de Dios.



martes, 14 de abril de 2009

Xogos que non eran xogos


Ir ós niños.
Era unha diversión dos rapaces máis grandes, excepcionalmente participaba tamén algunha nena.
Este costume que hoxe nos parece case delictivo debemos entendelo no contexto no que se produce.
En primeiro lugar, era unha manifestación da curiosidade infantil por todo aquilo que acontece ó seu redor e, en particular, por todo o relacionado coa reproduccíon. Esta curiosidade non se satisfacía plenamente na escola porque o ensino era puramente teórico e afastado da realidade galega. Coido que desta práctica bárbara para algúns xurdíu noutros a vocación pola bioloxía e o respeto pola conservación do medio natural.
Por outra banda, os rapaces non sempre destruían os niños, senón que gostaban de comparar os ovos dos diferentres paxaros, saber onde aniñaba cada un, cantos ovos poñía e cal era o aspecto dos paxariños recén saídss dos ovos, como os alimentaban os seus proxenitores, etc. E aínda que algúns paxaros ó decatarse de que lle andiveran no niño abandonábano, o dano causado pola actividade dos rapaces era ínfimo comparado co que logo produciron os herbicidas, a desaparición de certas especies árboreas, a destrucción das toxeiras e outros fenómenos que se produciron no agro galego a partires dos anos 60.

lunes, 13 de abril de 2009

Xogos e xoguetes...

Ioiós:

Xogo de habilidade ou de malabares, practícase en calquera sitio, tanto no interior coma ó aire libre, preferentemente as nenas.
Noutro tempo os ioiós facíanse con botóns de oxais, canto máis grandes millor.
Nos anos 60, cando moitos nenos podían xa dispor de xoguetes adquiridos nas tendas, o xogo de ioió case desaparecera, pero a finais desa mesma década unha coñecida marca comercial lanzou unha campaña publicitaria baseada nese xogo e a súa utilización recuperouse.
Actualmente adquírense no mercado diferentes modelos, incluso luminosos, pero tivemos a sorte de que dúas das nosas informantes, Eva (Concello de A Golada) e Virxinia (Concello de Vigo) nos fixeran varias modalidades de ioiós caseiros.

Para este modelo precisamos dous botóns de oxais grandes.


Cosémolos un contra o outro, poñende de costas a parte cóncava e deixando cara fóra a parte convexa.

Atámosle un fío longo cun nó corredizo e xa temos o noso xoguete, un ioió de movemento vertical, similar ós que atopamos comercializados.
Enrollamo-lo fío ben tensado entre os dous botóns e atamos o extremo que quedou libre ó dedo corazón da man dereita os diestros ou da man esquerda os manechos, de xeito que o xoguete quede na palma da man; cun movemento rápida hacia fóra o fío desenróllase polo peso dos botóns que quedan xirando, un pequeno pulo da man e o fío volverá a enrollarsse facendo subi-los botóns de novo á palma da man.
Os habilidosos podían facer diferentes figuras, coma conseguir que o ioió se despalazara rodando polo chan antes de volver a enrollarse o fío ou lanzalo horizontamente.

Neste outro modelo empregamos un só botón e un fío de algodón, facémolo xirar dándolle voltas coas dúas mans, despois tiramos hacia o lados e o fío estirará coma se fora de goma, facendo xirar o botón a gran velocidade.

O xogos da roda...

José se llamada el padre
É un xogo moi sinxelo: rapaces e rapazas cóllense das mans facendo unha roda que xira en sentido contrario ás agullas do reloxo e cantan:

José se llamaba el padre,
Josefa la mujer
y un hijo que tenían
también se llama José.

Cambian o sentido do xiro e seguen cantando:

Ramón se llamaba el padre,
Ramona la mujer
y un hijo que tenían también se llama Ramón.

Volven a cambiar o sentido do xiro e a cantar:

Andrés se llamaba el padre...
E así cada vez máis apresa cantando e xirando ata que se cansan.

sábado, 11 de abril de 2009

Os xogos de roda

Ambo ato

Un xogo moi popular entre as nenas no que podían participar tamén os nenos máis pequenos.
Aínda que se considera un xogo de roda, neste caso os participantes non forman un corro, senón dúas ringleiras que se sitúan frente a frente a unha distancia de 5 ou 6 metros. Unha das rigleiras pode estar formada só por unha ou dúas nenas que comezan o xogo cantando:

- Ambo ato, materilerile,
ambo ato, materilerilerón.

Mentras cantan avanzan e retroceden alternativamente hacia a outra ringleira volvendo sempre ó seu sitio.
Os que están enfrente collidos das mans contestan:


-¿Qué quiere usted, materilerile,
qué quiere usted, materilerilerón?
-Yo quiero un paje, materilerile,
yo quiero un paje, materilerilerón.
-¿Y qué paje ha de ser materilerile,
y qué paje ha de ser, materilerilerón?
- Ese paje ha de ser A (nome), materilerile,
ese paje ha de ser A (nome), materilerilerón.

A nena ou neno nomeado pasaba á outra ringleira e seguían:

-¿Y qué oficio le ha de dar, materilerile,
y qué oficio le ha de dar, materilerilerón?
-El oficio de cartero, materilerile,
el oficio de cartero, materilerilerón.
-¿Y qué le va a regalar, materilerile,
y qué le va a regalar, materilerilerón?
-Un unifome nuevo, materilerile,
un uniforme nuevo, materilerilerón.

Aínda que o xogo ten un esquema fixo, os rapaces improvisan a letra da cantinela mantendo sempre o ritmo.

-¿Y con quién lo va a casar, materilerile,
y con quien lo va a casar, materilerilerón?
-Lo voy a casar con B (nome), materilerile,
lo voy a casar con B (nome), materilerilerón.

O neno ou nena nomeado pasaba á outra ringleira e seguían:

-¿Y quién lo va a peinar, materilerile,
y quién la va a peinar, materilerilerón?
- Lo va a peinar C (nome), materilerile,
lo va a peinar C (nome), materilerilerón.
Outro neno ou nena cambiada de ringleira e así sucesivamente ata que se cansaban e facían outro xogo.


Os primeiros xogos...

O adulto senta á nena nos seus xionllos e móvelle unha man á altura da cabeza mentres canta
Daba la mocita

en su cabecita,
daba, daba, daba,
y no se lastimaba,
pero un día dio
y sí se lastimó.
Ó rematar a nena dase un pequeno golpe na cabeza coa súa manciña.
Non atopamos ningún exemplo no que este xogo se fixera cos nenos.

O xogos da roda

Un grupo moi popular de xogos son os denominados xogos da roda porque en moitos casos, anque non en todos, os rapaces, nenas de diferentes idades, algunhas case mociñas e os nenos máis pequenos, cóllense das mans para formar un corro que xira ó compás dunha cantinela.
Desta modalidade de xogos consérvanse moitos, así como as súas melodías que as rapazas máis grandes cantaban mesmo sen xogar, porque non só estaban permitidos, senón propiciados polos mestres e polos cregos.
Xogábase ó aire libre, en calquera ocasión, á entrada ou saída da escola ou da catequese, no recreo e tamén nas rúas e prazas. Ás veces a roda xira ó redor dunha morea de libros, carteiras e prendas de roupa dos rapaces participantes.
No seguinte exemplo o xogo consta de varias partes:
Primeiro cóllense das mans e xiran no sentido contrario ás agullas do reloxo.
¡Que ande a roda,
que ande a roda,
que a quero,
que a quero ver andar!
Logo xiran en sentido contrario.
¡Que desande a roda,
que desande a roda,
que a quero,
que a quero desandar!
A continuación páranse.
¡Que pare a roda,
que pare a roda,
que a quero,
que a quero ver parar!
Unha nena sae da roda para introducirse no círculo formado polo resto dos nenos e van sinalando a algún compañeiro mentres canta ela soia.
A ti non te quero,
ti non me gustas;
sólo a ti, sólo a ti
hei de querer.
E continúa en castelán dirixíndose á nena escollida.
Sale a bailar, niña hermosa,
niña hermosa sale a bailar
que vales tú más pesetas
que arenas hay en la mar.
Hechicera de mi vida,
resalada de mi corazón,
los ojos con que me miras
¡que resaladitos son!
Agora todos cantan de novo en galego.
E baila Xan e baila Pedro,
e baila Xan, Marica no medio,
e se non baila é porque non sabe,
é porque lle faltan as habilidades.

jueves, 9 de abril de 2009

Xogos e xoguetes...

O Pañuelo
Na nosa tradición hai varios xogos con este nome:


  1. O pañuelo propiamente dito, que é un xogo de a pillar;

  2. Un xogo de corda, coñecido como "Soy la reina de los mares", pola cantinela que acompaña o xogo;

  3. Un xogo de pillar, tamén chamado "o pañuelo de guante blanco" pola mesma razón;


  1. O pañuelo: xogábase ó aire libre, nenos e nenas misturados; botaban sortes e facían dous equipos, se había un número impar de rapaces, un deles sería o encargado de soster o pano (que era un anaco de tea calquera ou mesmo un pucho ou unha bufanda, coma sempre, o que a man tiveran); se eran pares, o pañuelo pendurábano dunha póla ou dun pau.
Partían o campo facendo polo medio unha raia co zoco e marcaban os límites ou ben con raias similares, ben con dous paus ou dúas pedras e, as máis das veces, coas prendas de roupa que lles estorbaban para xogar ou as carteiras da escola dos propios xogadores.
Cada equipo situábase no fondo do seu campo e os seus compoñentes numerábanse correlativamente 1, 2, 3...
Cando dicían "o tres", os rapaces que tiveran ese número saían correndo cada un do seu bando para coller o pañuelo; o que o conseguía daba a volta inmediatamente para volver xunto ós seus compañeiros; se conseguía chegar sen que o seu rival o pillara, gañaba e senón perdía e tiña que abandoar o xogo. E así sucesivamente ata que un neno ou unha nena se proclamase gañador.

lunes, 6 de abril de 2009

Xogos e xoguetes...

A la ina: xogo con pelota
Era un xogo preferentemente das nenas das vilas e cidades. Podía xogar unha nena soia ou algunha máis, pero non moitas porque, se tiñan habilidade e non perdían, había que agardar moito a quenlla.

A principal característica deste xogo é que se acompaña dunha cantinela que indica o que hai que facer en cada momento tirando a pelota contra unha parede ou un muro de certa altura. Se a rapaza se trabuca ou a pelota bota no chan perde.
A la ina,
sin moverse,
sin hablar,
sin reír,
con un pie,
con el otro pie,
con una mano,
con la otra mano,
a la deli delité, (movían os antebrazos un ó redor do outro)
atrás y adelante,
adelante y atrás,
a la media vuelta,
a la vuelta entera,
chirivitón, fuera.


Nalgúns casos remataban:
¡QUÉ VIVA SEVILLA Y EL TÉ CON MANZANILLA!

domingo, 5 de abril de 2009

Xogos e xoguetes


O aro
Era un xogo propio dos rapaces que o facían rodar polos camiños
coa axuda dun ferrete ou guiador do aramio das viñas.
O aro era de zinc e procedía dos bocois, das bañeiras ou dos baldes.
Nalgunhas zonas do sur de Galicia este xogo recibía o nome de quilla.

sábado, 4 de abril de 2009

Os primeiros xogos...

Entre os xogos que tiñan como finalidade o coñecemento do propio corpo por parte do neno estaban aqueles que servían para aprender a contar e diferenciar os dedos das mans. Algúns autores denomínanos lenga-lengas aritméticos.

Este é o máis pequeniño,

este é o seu irmanciño,
(tamén podían dicir: o seu sobriño ou o seu padriño)
este é o maior de todos,
este é o furabolos
e este o matapiollos.

Ou este outro:
Uní, dole, tele, candele,
badana, chinchín, carroupín,
catro pés, conta ben
que fan dez.
(Concello de Antas de Ulla)

E tamén este outro:
Cinco lobitos tiene la loba,
cinco lobitos detrás de la escoba,
uno le canta, otro le pía,
otro le toca la sinfonía.
(Concello de Pontedeume)



Xogos e xoguetes...


A arrandierira:
Consistía nunha corda que se ataba polos dous extremos nunha póla dunha árbore ou dun pau da viña cunha táboa para sentarse o neno ou a nena. Se eran xa un poco grandes podían balancearse soios, se non precisaban da axuda dun adulto.

Ás veces a arrandieira non tiña táboa, era simplemente a corda, podéndose poñer un anaco dunha manta vella ou dun cobertor para que a corda non lastimara as pernas.


Tamén se facía cunha roda dun coche, se é que se conseguía.

miércoles, 1 de abril de 2009

Os primeiros xogos


Na primeira infancia ós nenos estimulábanos cunha serie de xogos que tiñan como principal finalidade o recoñemento por parte do neno ou nena do seu propio corpo e que se caracterizaban polo estreito contacto físico co adulto que dirixía o xogo.

Palma, repalma
O neno sentábase no colo do adulto e este co dedo índice da man dereita facía pequenos círculos sobre a palma da man do pequeno dicindo:
Palma, repalma,
chica morena,
¿como a queres,
grande ou pequena?
O cativo debía responder e fora cal fora a súa resposta recibía un golpiño na meixela por parte do adulto.

Rabo de boi...
Xogaba un adulto ou un neno ou nena máis grandes cun cativo. O adulto agochaba na man un botón, un carolo dos carballos, unha faba, un grau de millo ou calquera outra cousa de escaso tamaño que lle viñera á man.
O neno tiña que adiviñar en que puño estaba agochado o obxecto dicindo:
Rabo de boi, rabo de besta,
dixo meu pai que estaba nesta.
(Santiago de Compostela)

Ou tamén
Sexta monesta, Martín de la Cuesta,
dixo meu pai que estaba nesta.
(Concello de Vedra)

Este xogo tamén o empregaban como sorte os rapaces máis vellos.

Serra comadre...
Un xogo no que se trata de exercita-la coordinación do neno.
O adulto senta ó neno ou á nena sobre os seus xionllos, de frente cara a el e agárranse os dous polas mans movendo alternativamente os brazos imitando ós serradores e recitando co mesmo ritmo:
Serra comadre, serra compadre,
na madeiriña do señor abade.

Este xogo ten unha versión en castelá tamén coñecida polos nosos informante:
Aserrín, aserrán,
los maderos de San Juan;
pide pan y no le dan,
pide queso y le dan beso.
los de Roque, alfandoque,
los de Rique, alfeñique,
trique trique, trique tritrán.

Xogos e xoguetes...

O xogo do tesouro ou da revista.
Era case sempre un xogo das nenas. En Santiago recibía o nome de Revista.
Facíase un burato na terra e introducíanse nel pequenos obxectos de cores (botóns, lazos, anacos de tea, canicas, etc,), poñíaselle un cristal por riba e logo terróns para ocultalo. Deixábase así e durante varios días xogaban a tratar de atopar "o tesouro".
Imitaba visualmente a imaxe dos regatos xelados que chamaban a atención dos nenos principalmente polos cagopes (renacuaxos) que se movían por debaixo da placa de xeo que somellaba un cristal.
(Informantes dos Concellos de Pontevedra e Santiago de Compostela)

As Sortes...

Nas sortes de contar, nas que a capacidade memorística tiña unha gran importancia, había nenas ás que lles gostaba presumir das súas habilidades, tanto para lembrar como para recrear ou modificar unha sorte xa coñecida.
No exemplo seguinte encadénanse dúas sortes diferentes:

- Yo tengo una mona tonta,
es muy tonta, ¿verdad que sí?
- Sí (respondía a nena ou neno ó que lle tocara).
- La mandé a por patatas
y me trajo perejil, ¿verdad que sí?
- Sí.
En un rosal había una rosa,
rosa con rosa la más hermosa,
dime niña a quien escoges.
- A Martiña.
Neste caso non se salvaba a nena na que rematara a sorte, senón a que esta escollía. Se había moitos rapaces para xogar, salvábanse as dúas para que a sorte rematara antes.